TURISMO

Arrinca a campaña de concienciación sobre os pisos turísticos cunha acción de rúa no Obradoiro

06/07/2018 A praza do Obradoiro acolleu esta mañá unha acción de rúa para visibilizar e concienciar a veciñanza e a turistas sobre a proliferación dos pisos turísticos ilegais. Trátase dunha campaña de comunicación realizada en colaboración e coordinación cos concellos de Barcelona e Sevilla, que contan cunha problemática semellante á compostelá.

A campaña dá comezo hoxe e continuará desenvolvéndose noutros espazos emblemáticos da cidade como Carretas, a Alameda ou a praza de Cervantes durante os meses de xullo e agosto. Colocarase unha estrutura transparente, cunha cama no seu interior, e cos vinilos coa información da campaña. En ningún caso permanecerá máis de 24 horas en cada localización.

As mensaxes da campaña tamén van dirixidas ás persoas propietarias que alugan os seus pisos a turistas de xeito ilegal, para que "sexan conscientes de que están incumprindo a lei, e iso pode ter consecuencias", segundo sinalou a concelleira de Turismo, Marta Lois. Por último, preténdese amosar á veciñanza de Santiago que "a proliferación dos pisos turísticos promove a expulsión dos e das residentes da zona histórica de Compostela".

Ademais, botarase man de ferramentas de comunicación tradicionais como flyers, banners, redes sociais, autobuses e cartelería en diversos lugares e soportes da cidade. Tamén se habilitou unha páxina web: www.santiagodecompostela.gal/fairtourismSCQ.

Plan de control
A campaña de comunicación forma parte da acción do Concello neste eido, que vén acompañada dunha serie de medidas para limitar o alugueiro turístico na zona histórica. Nese sentido artellarase un sistema de control efectivo con inspeccións aos pisos e con multas a propietarios e propietarias que non cumpran a normativa. Este programa realizarase en colaboración coa Xunta de Galicia, a quen corresponde a vixilancia desta actividade.

Ata o de agora, o Concello abriu expedientes a dous apartamentos turísticos da zona histórica que funcionan de forma irregular e que deberán cesar a súa actividade para non verse expostos a multas que, segundo a normativa, se sitúan entre os 300 e os 30.000 euros. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, indicou que "aínda non chegamos a fase de sanción, xa que queremos notificar e instar aos propietarios a que regularicen a situación ou cesen a actividade".

Esta campaña e froito do traballo feito dende 2017 polo grupo de traballo técnico formado polo persoal de urbanismo, cidade histórica, licencias, promoción económica e turismo para ter unha visión integral do fenómeno. Este traballo tivo como resultado un informe sobre a situación dos alugueiros turísticos en Compostela, con 717 anuncios de pisos non rexistrados que sumaban unha oferta de 3.188 prazas de aloxamento na cidade.

Ademais dáse unha concentración excesiva deste tipo de aloxamentos no casco histórico, tal e como indicou Lois ao asegurar que "neste espazo vive o 12,6% da poboación do Concello, pero só aquí se concentran o 50% das vivendas turísticas e das prazas en aluguer".

Non só iso, o estudo elaborado polo Concello de Santiago estima que o impacto económico directo destes aloxamentos se sitúa preto dos 8,5 millóns de euros sen fiscalizar.

Direccións relacionadas



Compartir: