XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica obras por un importe total de máis de 725.000 euros

06/07/2018 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe varias obras, que suporán un investimento total de máis de 725.000 euros en diferentes puntos da cidade nos próximos meses. Entre esas actuacións figuran as reparacións de rúas como Bispo Diego Peláez ou Espírito Santo, que presentan un importante deterioro e tamén problemas de accesibilidade.

O alcalde expresou a súa satisfacción polas adxudicacións aprobadas hoxe, que "son actuacións nas que levabamos meses traballando e que se enmarcan no esforzo que está a facer o Goberno para impulsar a obra pública neste ano 2018". Martiño Noriega explicou que a intención do Concello é "executar o groso dos traballos nos meses de verán, axustándose ás necesidades da utilización de espazos públicos e aos intereses de diferentes colectivos".

Bispo Diego Peláez
Unha das actuacións que poderá arrincar nas próximas semanas é a mellora da accesibilidade na rúa Bispo Diego Peláez, adxudicada na Xunta de Goberno de hoxe á empresa OVIGA. Os traballos custarán case 170.000 euros, e virán a completar a remodelación do barrio de Vista Alegre. O alcalde explicou que, despois destas obras, "é preciso intervir para garantir a accesibilidade aos edificios da parte alta da rúa Bispo Diego Peláez, que tamén presentan terrazas de acceso aos portais en cotas diferentes á da rúa e conectadas con ela a través de escaleiras".

As obras adxudicadas hoxe contemplan un prazo de execución de cinco meses, e a previsión é a de executalas por fases para causar as mínimas molestias á veciñanza. O proxecto suporá a diminución dos desniveis entre a rúa e os portais dos edificios, que se salvarán con ramplas de pequena pendente para poderen ser utilizadas por persoas con mobilidade reducida. Ao tempo, ampliaranse as beirarrúas, substituirase a pavimentación existente e renovarase a rede de servizos. Tamén se prevé a instalación de arborado, iluminación e mobiliario urbano.

Reparación da rúa do Espírito Santo
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén quedaron adxudicadas as obras de reparación da calzada do Espírito Santo. Dos traballos encargarase a empresa CYS Hispania SL, que ofertou un orzamento de case 48.000 euros, IVE incluído.

O alcalde explicou que a rúa do Espírito Santo "presenta un importante estado de deterioro xeral, derivado do paso habitual de vehículos, incompatible co pavimento de lastras". Na rúa pódense atopar afundimentos puntuais e pezas rotas, que supoñen unha importante incomodidade tanto para os peóns como para os vehículos e que "mesmo se traducen nun incremento do ruído que produce o paso dos coches, coas derivadas molestias para a veciñanza".

As obras adxudicadas hoxe prevén retirar o pavimento actual, que será substituído por unha capa de rodadura de formigón que se estenderá ás beirarrúas, e que terá un acabado acorde ás características desta zona da cidade. Tamén se repararán as pezas de granito das beirarrúas, os sumidoiros, e as madeiras rotas ou excesivamente deformadas da pasarela situada na zona central da rúa.

O proxecto de reparación da rúa do Espírito Santo ten un prazo de execución de dous meses.

Santa Isabel
O alcalde tamén salientou a adxudicación, na Xunta de Goberno de hoxe, das obras de mellora da accesibilidade do campo de fútbol de Santa Isabel, por un importe de case 90.000 euros. A empresa Joscon encargarase da actuación, que se centra na bancada situada no lateral sur do campo de fútbol, á que na actualidade só se pode acceder a través de escaleiras e que presenta numerosas deficiencias. As obras mellorarán tamén a accesibilidade dentro xa das propias gradas, a comunicación entre os dous edificios de vestiarios, e mesmo permitirán acondicionar os baños.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: