ECONOMÍA E FACENDA

Santiago e outras sete cidades do Estado asinan a Declaración de Barcelona a favor dun financiamento local estable e xusto

05/07/2018 As cidades de Barcelona, Cádiz, Córdoba, A Coruña, Madrid, Zaragoza, Santiago de Compostela e Valencia asinaron hoxe a Declaración de Barcelona na capital catalana para reclamarlle ao novo Goberno do Estado un financiamento e fiscalidade local estable e suficiente que permita garantir dereitos sociais básicos. Ata alí acudiu a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas.

Con este encontro, as oito cidades reeditan a fronte común que xa se visualizou nas Xornadas Municipalistas por un Financiamento Xusto celebradas en febreiro de 2017 e que culminaron coa Declaración de Valencia, onde denunciaban o actual modelo que limita a capacidade de acción municipal e que dificulta que os concellos poidan garantir dereitos básicos e servizos públicos esenciais aos seus municipios.

A Declaración de Barcelona recolle as principais demandas dos municipios, a través de cambios normativos e na xestión actual dos impostos, que permitan garantir un sistema estable e suficiente de financiamento local que garanta a cobertura das necesidades dos seus cidadáns e cidadás no marco das súas competencias.

Neste sentido reclaman revisar os efectos da aplicación da Lei de Racionalización e Sustentabilidade Local (LRSAL), que supuxo un grave retroceso na autonomía local e na suficiencia financeira dos municipios e flexibilizar a aplicación da lei de Estabilidade Orzamentaria (LOEPSF) en canto á aplicación da regra de gasto e o destino do superávit. Para poder recuperar a capacidade de gobernar as súas respectivas Facendas, as nove cidades propoñen unha nova redacción da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local que supoña un avance cara á "segunda descentralización" co obxectivo de conseguir a xestión do 25% do gasto público.

Pola vía da participación en impostos estatais
A Declaración de Barcelona propón establecer un sistema transparente de participación nos tributos do Estado que permita unha planificación orzamentaria estable e non suxeita a liquidacións do sistema que poidan afectar a estabilidade dos Entes Locais de forma imprevisible, así como desenvolver de forma efectiva o sistema de participación nos ingresos da comunidade autónoma.

A través dos impostos locais
Proponse ampliar o espazo tributario local, coa posible incorporación de novas figuras tributarias e a dotación dun maior ámbito de autonomía normativa no conxunto dos tributos locais, que permita a incorporación de elementos de progresividad no sistema tributario local. Tamén se avoga polo mantemento do imposto sobre bens inmobles (IBI) como figura principal dos impostos locais, pero coa introdución de modificacións para aumentar a autonomía normativa en relación á definición de tipos impositivos diferenciados para usos e categorías de inmobles; o replantexamento do actual sistema de exencións e bonificacións; e o desenvolvemento da posibilidade de aplicación de recargas (por exemplo por vivendas desocupadas) e bonificacións baseadas na renda dos suxeitos pasivos.

Outras demandas
Os concellos asinantes solicitan abordar con carácter urxente a reforma da Lei 49/2002, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos, adaptándoa ao artigo 107 do Tratado da Unión Europea, de forma que se permita nos concellos o cobro da totalidade de impostos e taxas relacionados con actividades lucrativas que actúan no mercado e para as cales non estean exentos os operadores públicos.

Tamén se propón eliminar a aplicación da regra de gasto e o destino do superávit a aqueles entes locais que cumpran cos obxectivos de estabilidade orzamentaria e financeira e débeda pública.

Compartir: