POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello colaborará con Arela na difusión do programa "CONVIVE.COMigo"

05/07/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, reuniuse este xoves con Eva Piñeiro e Ánxela Álvarez, técnicas da Asociación Arela, para falar da difusión do programa CONVIVE.COMigo. Este proxecto, impulsado por Arela e a Xunta de Galicia nas provincias da Coruña e de Pontevedra, ten como obxectivo a busca de persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo).

Durante este 2018, Arela está a buscar os apoios dos diferentes concellos galegos destas provincias de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e así conseguir un banco de persoas ou familias que abarquen moitos dos territorios de ambas provincias. A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Requisitos e formación
Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade... Á súa vez, valórase a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia ou a formación de carácter xurídico .

Areala ofrece unha formación grupal e individual e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40 € diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.

Dende a páxina web de Arela (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o seu teléfono da súa sede central, 986 212 537, ou a través do correo electrónico convive@arela.org.

Compartir: