OBRAS E DEPORTE

En marcha a primeira das tres obras que "converterán Santa Isabel nunha infraestrutura deportiva de referencia"

05/07/2018 Xa están en marcha as obras de mellora do céspede e do sistema de rega do campo de fútbol de Santa Isabel. Esta é a primeira das tres actuacións que se van levar a cabo nos próximos meses na instalación deportiva, e que suporán un investimento total de preto de 600.000 euros.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, e a concelleira de Deporte, Noa Morales, compareceron hoxe en rolda de prensa para dar conta do inicio das obras de renovación e ampliación do céspede sintético e do sistema de rega do campo de fútbol de Santa Isabel. Os traballos, dos que se encarga a UTE formada por Francisco Gómez y Cia e Calfensa Proyectos SL, suporán un investimento de 435.000 euros.

Moito máis que a renovación do céspede
A concelleira de Deporte lembrou que a última remodelación do campo de fútbol de Santa Isabel "levouse a cabo en 2006, cando se instalou o céspede artificial". Noa Morales apuntou que "as instalacións acollen numerosos partidos oficiais de varios equipos locais e tamén adestramentos, un intenso uso que provocou o deterioro do céspede". A edil explicou que "estas obras permitirán utilizar o terreo de xogo para partidos de fútbol 11 e fútbol 8, atendendo aos requisitos das federacións deportivas". Ademais, renovarase o sistema de rego, mellorarase a iluminación e acondicionarase unha zona de adestramento nun lateral do campo "coas mesmas condicións de calidade que o terreo de xogo, cunha superficie de 1.200 metros cadrados e atendendo unha vella demanda dos clubs".

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial explicou que os traballos teñen un prazo de execución de dous meses, "de xeito que a previsión é que estean rematados a tempo para o inicio da nova temporada futbolística". Rafael Peña incidiu na "grande aposta que fai o Concello de Santiago para poñer en valor as instalacións de Santa Isabel, un espazo que está no imaxinario de toda a cidadanía de Compostela e que era preciso renovar".

Mellora da accesibilidade
Ademais da renovación do céspede, nas próximas semanas poderán comezar as obras de mellora da accesibilidade de Santa Isabel. A Xunta de Goberno ten previsto adxudicar mañá a execución do proxecto, cun orzamento de 74.000 euros máis IVE.

A actuación céntrase na bancada situada no lateral sur do campo de fútbol, ao que na actualidade só se pode acceder a través de escaleiras e que presenta numerosas deficiencias. As obras mellorarán tamén a accesibilidade dentro xa das propias gradas, a comunicación entre os dous edificios de vestiarios, e mesmo permitirán acondicionar os baños.

O terceiro dos proxectos previstos en Santa Isabel é o acondicionamento da praza pública de acceso ao campo de fútbol, un proxecto orzado en 72.000 euros. A actuación mellorará este espazo, duns 700 metros cadrados, que actualmente presenta problemas de accesibilidade, carece de sinalización e ten o pavimento en
mal estado.

Compartir: