EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O CEIP Lamas de Abade estrea biblioteca froito da colaboración entre o Concello de Santiago e a Consellería de Educación

04/07/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou esta mañá a nova biblioteca do CEIP Lamas de Abade, executada pola Consellería de Educación en colaboración co Concello de Santiago.

O edil recoñeceu que se trata dun "proxecto moi interesante a maiores do espazo físico, xa que o colexio ten un proxecto educativo e de fomento da lectura que pivota ao redor desta biblioteca". Ademais desta obra, o Concello investirá no verán máis de 33.000 euros no centro, orzamento co que se substituirá o falso teito dos baños e se acometerá o pintado de toda a fachada exterior. Manuel Dios explicou que "estas e outras demandas dos centros educativos de Compostela parten dos consellos escolares e dos equipos directivos, que son os que coñecen as necesidades dos colexios".

Durante o verán pintarase a fachada exterior, unha demanda trasladada polo director do Lamas de Abade, José Míguens, quen recoñeceu que "levaba moitos anos sen acometerse, sendo moito máis necesaria este ano tras a recuperación da casa do conserxe para aularios por parte do Concello o pasado curso". Manuel Dios aproveitou a visita para coñecer a nova aula que a Consellería realizou tras a recuperación da casa do conserxe, estando prevista unha nova para o curso que vén.

Outras actuacións
Ademais das obras previstas para este centro, o Concello realizará actuacións de mantemento nas tres escolas unitarias, nas escolas infantís e nos 13 centros de educación e primaria, por un importe que supera os 300.000 euros. No caso do CEIP das Fontiñas, a actuación de maior calado será a substitución da cuberta nun módulo de infantil, que xa se está acometendo. Tamén destacan os preto de 22.000 euros que se destinarán á substitución de carpintería de aluminio no CEIP Monte dos Postes ou os preto de 17.000 que se investirán, polo mesmo concepto, no CEIP de Vite, cuxas obras comezarán a mediados do mes de xullo.

No CEIP Apóstolo Santiago instalarase un novo rocódromo para a práctica deportiva do alumnado e no CEIP Arquitecto Casas Novoa investiranse 17.000 euros para a colocación de novo pavimento en varias aulas e para acometer diversas actuacións na cociña do centro. Nos colexios Cardenal Quiroga Palacios, López Ferreiro, Pío XII, Ramón Cabanillas ou Roxos-Villestro tamén se realizarán actuacións de mantemento como pintado de aulas, arranxo de teitos ou colocación de varandas, entre outras.

Durante este verán reformaranse varios parques infantís dos centros de Educación Infantil e Primaria do municipio. En concreto, destinaranse preto de 4.500 euros ao parque do CEIP Rodríguez Xixirei (Lavacolla), case 9.000 ao do Raíña Fabiola e arredor de 2.000 á Escola de Rial-Laraño.

O Concello tamén acometerá obras durante o verán no Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela, que ascenderán a preto de 20.000 euros, para a impermeabilización do espazo. Ademais, pintarase o Centro Educativo e de Lecer "María Miramontes" interna e externamente por un importe de case 20.000 euros.

Compartir: