LINGUA

O alcalde entrega os premios da III edición do concurso Fotolingua

04/07/2018 O alcalde fixo entrega esta mañá do seu agasallo a Rocío Martínez, a persoa gañadora da III edición do concurso Fotolingua, impulsado polo Concello de Santiago para poñer en valor os establecementos comerciais que utilizan o galego nas súas comunicacións. Martiño Noriega visitou a tenda de agasallos Mononoke, protagonista da imaxe que obtivo máis "gústame" nas redes sociais do certame.

O alcalde mostrou a súa satisfacción polo éxito do concurso, que "nesta terceira edición pechouse con case 300 imaxes únicas publicadas en Facebook e Instagram, fronte ás 98 da edición pasada, e ademais nalgún caso duplicadas nas dúas redes sociais utilizadas no certame". Iso demostra, segundo Martiño Noriega, "non só a consolidación do Fotolingua, senón tamén que cada vez son máis os establecementos comerciais que apostan por utilizar o galego, conscientes de que é un valor engadido para o negocio". O alcalde lembrou que o Concello ten en marcha outras iniciativas para fomentar o uso da nosa lingua no ámbito empresarial e comercial, como as axudas para a publicidade comercial en galego ou os Premios Manuel Beiras, convocados en colaboración coa Cámara de Comercio.

Imaxes premiadas
Fotolingua bota man de Facebook e Instagram para darlle visibilidade ao uso do galego no ámbito comercial, reforzando os establecementos que o empregan e animando a outros a que o fagan. En cada edición escóllense dúas imaxes gañadoras, unha seleccionada pola organización e outra elixida polo público a través dos "gústame". As gañadoras recibirán como agasallo cadansúa cámara Polaroid Snap.

A imaxe premiada polo público nesta terceira edición foi a publicada en Instagram por @orballoooo, recollida no escaparate da tenda de agasallos Mononoke, da rúa de San Pedro. A imaxe obtivo 394 likes. Dende a organización seleccionouse a imaxe publicada en Facebook por Ana Arceo Túñez da lavandería Rodela, na rúa de Alejandro Pérez Lujín. Ademais, o Departamento de Lingua, que xestiona esta convocatoria, quixo destacar tamén a especial atención que lle dedicaron ao concurso dous dos participantes: Xaime Varela Sieiro e Rafael Rodríguez Rey.

Na terceira edición do concurso Fotolingua presentáronse 300 imaxes únicas de establecementos de Santiago que utilizan o galego nas súas comunicacións. Delas, 73 foron publicadas pola organización e polos propios negocios, para animar a convocatoria. Na segunda edición do ano pasado rexistráranse un total de 98 fotografías, algunhas delas publicadas por duplicado nas dúas redes sociais utilizadas no certame, Facebook e Instagram. As imaxes publicadas na III edición de Fotolingua superaron un alcance de 6.000 visualizacións e provocaron máis de 4.000 interaccións.

Compartir: