ECONOMÍA E FACENDA

María Rozas comparte no Atlantic Social Lab o proxecto de Orzamentos Participativos de Compostela

03/07/2018 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, está a participar na cidade francesa de Rennes da xuntanza de coordinación do proxecto europeo Atlantic Social Lab. A capital galega forma parte deste programa xunto a sete entidades de Irlanda, Reino Unido, Francia e Portugal.

A edila participará ata este mércores en distintas xuntanzas nas que se analizan os distintos procesos participativos que están a impulsar as entidades participantes. "Somos o único concello do Atlantic Social Lab que está a facer orzamentos participativos, xa que o resto de municipios impulsan outros procesos de participación como as consultas en Cork ou en Portugal", sinalou María Rozas.

Está previsto que, no marco destas xuntanzas, os membros participantes visiten varias empresas de economía social no eido medioambiental e no que están empregadas persoas con dificultades de inserción social. Durante a xornada de mañá tamén visitarán a empresa Tezea, dedicada a empregar persoas paradas de longa duración en áreas rurais.

Entre as actuacións a desenvolver polo Concello de Santiago no marco do proxecto europeo figuran dúas accións piloto por importe de 30.000 euros e cuxo obxectivo é dinamizar socialmente espazos públicos do proceso de participación cidadá no marco da elaboración dos orzamentos.

Atlantic Social Lab
O proxecto Atlantic Social Lab ten como obxectivo impulsar a creación de novas solucións nos servizos de benestar social e poñer en práctica métodos de participación activa da cidadanía que contribúan ao desenvolvemento exitoso das rexións atlánticas. Santiago forma parte do programa nun grupo liderado polo concello asturiano de Avilés, no que tamén participan o Concello de Cork (Irlanda), as Universidades Glasgow Caledonian (Reino Unido) e Coimbra (Portugal), as axencias de apoio ao emprendemento social CRESS Bretagne (Francia) e Enterprise North West (Reino Unido), a Comunidade Intermunicipal do Ave (Portugal) e a Aglomeración de Pau-Pyrénées, en Francia. Entre as actuacións a desenvolver polo Concello compostelán figuran dúas accións piloto para a dinamización social en espazos públicos do proceso de participación cidadá no deseño do orzamento municipal para o ano 2019, accións que están en fase de deseño e contratación por parte da Oficina Orzamentaria do Concello.

O proxecto Atlantic Social Lab desenvolverase ata novembro de 2019 cun orzamento de 1,6 millóns de euros, dos que o 75% é cofinanciado pola Unión Europea. Desa cifra total, a Santiago correspóndelle un orzamento de case 170.000 euros, dos que preto de 130.000 proceden de fondos europeos.

Compartir: