FESTAS

Rosalía, Rubén Blades, Mala Rodríguez ou Wolfmother, grandes nomes do "Apóstolo das Mulleres"

03/07/2018 Santiago vivirá as festas do Apóstolo do 18 ao 31 de xullo, cun programa no que este ano destaca a presenza de artistas femininas, a vocación de mostrar a cultura migrante e a aposta polos grandes cabezas de cartel. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, debullou hoxe a programación, na que tampouco faltarán os concertos das bandas do censo Compostela É Música nin as citas máis tradicionais do Apóstolo.

A concelleira de Acción Cultural asegurou que "a programación do Apóstolo 2018 é unha das máis ambiciosas dos últimos anos, non só polo seu orzamento, senón tamén e sobre todo polos seus grandes nomes, con moita presenza feminina". Nesa liña, Branca Novoneyra explicou que "tamén quixemos optar por unha muller para o pregón que abrirá os festexos, o 18 de xullo". A persoa elixida é a actriz compostelá Nerea Barros, gañadora dun Goya por La isla mínima. A concelleira salientou que "o Concello quere recoñecer o seu exitoso traballo no cine, pero tamén a súa longa traxectoria no teatro, con moitas representacións en Compostela".

O Apóstolo das Mulleres
Branca Novoneyra explicou que "o Apóstolo daranos este ano a oportunidade de gozar de concertos de grandes artistas, e novamente con entrada de balde en todos os casos". Como grande cabeza de cartel, Branca Novoneyra referiuse a Rubén Blades, que ofrecerá un concerto na Quintana o domingo 29, dentro da súa xira de despedida dos escenarios, Caminando, adiós y gracias.

Tamén incidiu en que "este será o Apóstolo das Mulleres, porque quixemos elaborar unha programación que empoderara ás artistas femininas, tantas veces esquecidas nos carteis". Por iso, polo escenario principal das festas pasarán Rosalía, o martes 31; Guadi Galego, o 21 de xullo; Mercedes Peón, o día 24; ou Mala Rodríguez, o 27. Haberá tempo ademais para o hard rock dos australianos Wolfmother, o luns 30; para o reggae dos franceses Dub INC, o 25; ou para os dous grandes concertos da Real Filharmonía de Galicia, un deles na compaña de Sumrrá. A Quintana acollerá tamén o Beat Fest, o domingo 22, e o Certame Folk patrocinado por La Voz de Galicia, con Leilía como cabeza de cartel.

Tamén na Quintana, este ano repetirase unha proposta que se consolidou nos últimos anos: o concerto das bandas galegas. Será o xoves 26, coa participación de Atrás Tigre, Selvática, Marem Ladson, Espejos y Diamantes e Cora Novoa.

Compostela É Música no Toural
Os concertos da Quintana serán os máis relevantes da programación, pero a concelleira de Acción Cultural salientou que "o Apóstolo 2018 deixará moita máis música, para garantir propostas que sexan aptas para todos os públicos e todos os intereses". Nesa liña, Branca Novoneyra incidiu na variedade de propostas que se poderán escoitar no Toural, que combinará as propostas do xa consolidado Compostela É Música con outras alternativas. Así, do censo de músicos de Santiago, por esa praza pasarán Liridade Noctámbula, o xoves 19; Mojo Experience, o 22; Mega Purple Sex Toy Kit, o 24; Oîma Trío, o mércores 25; Jamila Purofilin, o xoves 26, e The Show Bass, o día 27. Ademais, nese escenario están previstas outros importantes concertos como o de Joao Afonso, o sábado 21 de xullo; Antonio Lizana, o luns 23; ou Voodoo, o sábado 28.

Territorio das Mulleres e outras apostas
A concelleira de Acción Cultural explicou que no programa deste ano mantívose tamén o concerto do Territorio das Mulleres, o xoves 9. Desta vez, subirán ao escenario da praza 8 de marzo Rapariga DJ, Batuka Tabanka e Mounqup.

No apartado musical das festas, Branca Novoneyra aínda quixo salientar tamén a celebración do Serán de hip hop, que terá lugar no parque de Fermín Bouza Brey de Vite, o domingo 29. No cartel aparecen Locoplaya, Anier, Denom, Rendi Nue e Garolo. Por último, e como é tradición, no Apóstolo non faltarán as orquestras da Alameda, nin as actuacións especiais da Banda Municipal de Música.

E canto á programación máis familiar, Branca Novoneyra explicou que "neste Apóstolo poremos en marcha un novo festival, Feira na eira, que se celebrará no parque de Galeras na fin de semana do 28 e 29 de xullo".

ONDA no Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre
A concellería de Acción Cultural quixo aproveitar as festas do Apóstolo "como escaparate para mostrar a cultura migrante, a que leva a sinatura dos galegos na diáspora e dos inmigrantes que acollemos na nosa terra". Con ese obxectivo, o Centro Cívico do Romaño será escenario do programa ONDA, que se vai desenvolver do venres 20 ao domingo 22 de xullo. O obxectivo final é "a constitución dun organismo permanente de atención á creación e pensamento da diáspora, o Observatorio da Nova Diáspora Galega".

O venres 20, no marco do proxecto ONDA haberá unha sesión de faladoiros e debate na que van intervir María Alonso, Xavier Queipo, Helena Miguélez-Carballeira, Alejandra Plaza, Xosé Manuel Núñez Seixas, Inma Gil Rosendo e Begoña González. Está prevista tamén a proxección dunha escolma de traballos audiovisuais relacionados co tema da diáspora, presentados polo colectivo radicado en Londres Galicia Film Forum.

Xa o sábado 21, o Centro Cívico do Romaño acollerá a presentación do libro colectivo Onda Poética, editado por Positivas e coa participación de autores como Xavier Queipo, Xelís de Toro, Elías Portela, Gonzalo Hermo ou Óliver Escobar, entre outros. Tamén se presentará no marco do ONDA o proxecto discográfico HIFI, e pecharase a xornada coa performance Ditsinto/Distante, de Río Lagares.

Para o domingo 22 está prevista a asemblea de constitución dese observatorio da diáspora que levará por nome ONDA, e os posteriores concertos de Xosé Gael e Ialma. Por último, no marco desta proposta, no Centro Cívico do Romaño vaise instalar unha exposición con obras de Dolores Sánchez Calvo, Cé Tomé e Xelís de Toro.

Documentos relacionados



Compartir: