CONSORCIO

Dúas músicas galegas tocarán como solistas coa RFG xunto con outras mozas procedentes de Francia, Holanda e Rusia

03/07/2018 O VIII Festival Internacional Peregrinos Musicais, cuxa finalidade é apoiar a novos talentos galegos e doutros países, clausúrase este mércores, 4 de xullo, como é habitual, cun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG). A orquestra, dirixida nesta ocasión polo seu director asociado, o mestre compostelán Maximino Zumalave, acompañará a dúas músicas noveis de Galicia e tamén a intérpretes procedentes de Francia, Holanda e Rusia. Esta cita terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia.

Do total de once mozos/as que foron seleccionados para participar nesta edición do festival, todos eles de entre 15 e 20 anos de idade, escolléronse cinco para intervir como solistas neste concerto coa RFG. Trátase das galegas Beatriz Sánchez, frautista da Coruña; e Andrea González, saxofonista de Vigo. Ademais, contarase coa violinista francesa Dupille Charlotte, coa pianista rusa Linkova Anna e coa violinista holandesa Luna Xiaoli.

Dous novos talentos galegos
A frautista coruñesa Beatriz Sánchez comezou os seus estudos no Conservatorio de Música da Coruña, onde obtivo o Título Profesional de Música, recibindo ademais o Premio de Fin de Grao. Ese mesmo ano conseguiu o Premio Extraordinario en Ensinanzas Artísticas de Galicia. Na actualidade cursa o segundo ano de Grao Superior na Coruña, compaxinándoo con clases na Escola de Altos Estudos Musicais. Acude con frecuencia a concursos e festivais nacionais e internacionais.

Pola súa parte, a saxofonista viguesa Andrea González iniciou a súa formación musical no Conservatorio Mayeusis da súa cidade natal. Estudou con grandes mestres do seu instrumento e participou en diversos cursos en Galicia, noutros puntos de España e en Portugal, ademais de en festivais e certames musicais. Interpreta con regularidade música de cámara xunto ao pianista Brais González, co que gravou un CD coa Suite Hellénique de Pedro Iturralde. Na actualidade cursa estudos no Conservatorio Superior de Vigo.

A primeira experiencia tocando cunha orquestra profesional
A directora artística deste certame de música clásica é a pianista rusa afincada en Santiago Ilona Timchenko. Salienta que "a través deste festival conséguese dar respaldo e proxección internacional a novas promesas que moi pronto serán profesionais da música. É un xeito de poñer ao seu alcance grandes escenarios. Gozan dunha ocasión única para tocar como solistas cunha orquestra de tanto prestixio como é a Real Filharmonía de Galicia". Así, para a maioría dos rapaces e rapazas será a primeira vez que toquen cunha orquestra profesional, o que "representa un paso moi importante na carreira de calquera músico/a".

Obras para violín, frauta, piano e saxofón
No transcurso da actuación, o público asistente terá a oportunidade de escoitar fragmentos de pezas ou obras completas pertencentes a diferentes épocas e estilos. Así, o programa inclúe o Concerto para violín nº 3 de Mozart, o Concerto para frauta nº 1 tamén de Mozart, o Concerto para piano nº 3 de Beethoven, o Concerto para violín nº 1 do compositor alemán Max Bruch e a Fantasía para saxofón do brasileiro Heitor Villa-Lobos.

Compartir: