ALCALDÍA

O Goberno local celebra o próximo venres un novo encontro "Ao vivo"

02/07/2018 O Goberno local participará o próximo venres nun novo encontro Ao vivo, desta vez na Casa das Asociacións de Benestar Social de Salgueiriños, e dirixido á veciñanza deste barrio, de Cancelas e de Meixonfrío. Á xuntanza asistirán o alcalde, Martiño Noriega, e todos os concelleiros e concelleiras do Goberno.

No pasado mes de xuño, cun encontro no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, retomáronse os Ao vivo, actos deseñados para que o alcalde e os concelleiros e concelleiras rendan contas en contacto directo coa veciñanza. Ao longo dos próximos meses celebraranse nove xuntanzas polos distintos barrios da cidade. Para as parroquias, desta vez deseñouse un formato propio, o Rural ao vivo.

Os encontros Ao Vivo naceron co obxectivo de completar os procesos de participación cidadá impulsados dende o Concello. Nas xuntanzas participan o alcalde e todos os concelleiros e concelleiras do Goberno, que escoitan as demandas e opinións da veciñanza, dan conta do traballo que se vén desenvolvendo no ámbito xeográfico concreto, e explican os motivos polos que non se teña atendido algunha demanda. Os encontros están dirixidos por profesionais da mediación, que garanten que todos/as os/as asistentes teñan a oportunidade de falar, miden tempos e favorecen a diversidade das achegas.

Despois da reunión do próximo venres na Casa das Asociacións de Benestar Social, está prevista a celebración de xuntanzas no Centro Cívico de Vista Alegre-Romaño, O Ensanche, Fontiñas, Cidade Vella, Pontepedriña, Vite e Sar. O Rural ao vivo comezará a partir do outono.

Compartir: