PROMOCIÓN ECONÓMICA

Marta Lois participa en Vitoria-Gasteiz na VI Xornada de Innovación organizada por AENKOMER

27/06/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo viaxou hoxe a Vitoria-Gasteiz para participar na VI Xornada de Innovación organizada por AENKOMER, a Asociación de Empresarias e Empresarios de Comercio e Servizos de Álava. Marta Lois fixo unha presentación da estratexia comercial de Santiago, e interviu nunha mesa de debate con representantes dos concellos de Bilbao, Pamplona, Valladolid, Zaragoza e Vitoria-Gasteiz, así como da Deputación de Álava e do Goberno Vasco.

Na súa intervención, a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo explicou que "o comercio é unha das principais fontes de riqueza de Santiago, e por iso o Goberno local ven de aprobar un Plan Estratéxico do Comercio para o periodo 2017-2021". Marta Lois incidiu en que este documento "é un reflexo do modelo de cidade ao que aspiramos, Patrimonio Mundial da Humanidade e capital do turismo de Galicia que debe apostar polo desenvolvemento sostible". Ademais, a concelleira deu conta dalgúns dos programas que impulsa o Concello, como o de "Comercios Emblemáticos" para poñer en valor os comercios máis asentados na cidade e achegalos a novos públicos; ou o "Con B de Barrio", que fomenta a colaboración entre os establecementos para presentar proxectos de desenvolvemento comercial.

Mesa de debate sobre turismo e comercio
Na xornada celebrada en Vitoria-Gasteiz tamén houbo tempo para unha mesa de debate na que se analizou o efecto da turistificación no sector comercial e mesmo nos residentes das zonas máis emblemáticas das cidades. Marta Lois referiuse ao novo Plan Estratéxico de Turismo, "que aposta porque Compostela sexa un destino sostible, cun sector turístico que xere unha actividade económica de maior calidade e no que se procure o mellor entendemento entre os visitantes e os residentes". Ao tempo, lembrou as medidas que ven poñendo en marcha o Goberno local para evitar "a proliferación tanto de vivendas turísticas na zona histórica como de comercios que só vaian dirixidos para os visitantes e non para a veciñanza"

Compartir: