CIDADES PATRIMONIO

Un compostelán gaña o II Certame de Creación Audiovisual do Grupo Cidades Patrimonio na categoría de 19 a 30 anos

26/06/2018 Este concurso para mozos e mozas creadoras de entre 16 e 30 anos forma parte das celebracións do 25 aniversario da rede e enmárcase no Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Divídese en dúas categorías: de 16 a 18 anos e de 19 a 30. Nesta última, alzouse co primeiro premio Alejandro Gesto, cunha peza sobre a riqueza patrimonial de Compostela. O certame conta coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

A Comisión de Patrimonio do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, formada polos concelleiros de Patrimonio das 15 cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, que preside o alcalde de Cuenca, reunida onte en Madrid, deu a coñecer os gañadores do II Certame de Creación Audiovisual para Mozas e Mozos, que organiza o Grupo de Cidades Patrimonio.

Con este concurso, dirixido a rapaces e rapazas de entre 16 e 30 anos, o Grupo quere, ademais de propiciar un maior coñecemento e sensibilización cara ás 15 Cidades Patrimonio, potenciar o uso das novas tecnoloxías, desenvolver a creatividade no campo da imaxe e estimular a capacidade de observación da contorna da cidade.

Os obxectivos que se buscan son que os mozos adquiran un maior coñecemento do concepto Patrimonio Mundial e da declaración da UNESCO pola que a súa cidade foi incluída na Lista do Patrimonio Mundial, así como provocar neles un sentimento de pertenza e orgullo con respecto ao Patrimonio Mundial e, á vez, darlles a oportunidade de ofrecer a súa visión persoal do mesmo a través da súa cidade. Preténdese lograr que contribúan no proceso de conservación e valorización das cidades recoñecidas como Patrimonio Mundial ao tempo que se promove a creación audiovisual entre os máis novos.

Esta actividade desenvólvese no seo da Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo que é o órgano encargado da xestión dos proxectos relativos á defensa, conservación e divulgación do patrimonio cultural que atesouran as 15 cidades que forman a rede. Dentro desta área destacan os programas levados a cabo e relacionados co medio ambiente, o urbanismo, a arqueoloxía, a seguridade, ou a vertente pedagóxica do patrimonio. Todos os proxectos de Grupo neste campo contan coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico.

GAÑADORES
Categoría de 16 a 18 anos
Primeiro Premio, dotado cun smartphone de última xeración para cada un dos integrantes do equipo e de equipamento informático por valor de 3.000 euros para o Centro Xuvenil da cidade:
Ana Beira Pozo, Belén Baixo Ortega e Lucía Lara Cardona, de Córdoba
Título do traballo: Córdoba, una ciudad de ensueño
https://vimeo.com/272741313

Categoría de 19 a 30 anos
Primeiro Premio, dotado con 2.000 euros
Alejandro Gesto Louro, de Santiago de Compostela
Título do traballo: Cal é o maior patrimonio de Santiago?
https://www.youtube.com/watch?v=GOe6KrPIOXk

Segundo Premio, dotado con 1.500 euros
Raquel Echeandía Sánchez, de Alcalá de Henares
Título do traballo: Alcalá, ilustrar al mirar
https://vimeo.com/273016001

Terceiro Premio
Gabriel Novau Blanch, de Tarragona
Título do traballo: La millor manera de conoixer el patrimonio de Tarragona
https://www.youtube.com/watch?v=Ag7dIxJuOM8

Compartir: