EDUCACIÓN

Os CEIPs Raíña Fabiola e Monte dos Postes acollen os 260 nenos e nenas inscritos no Programa de Conciliación de Verán

26/06/2018 Preto de 260 nenos e nenas participarán ao longo deste verán no programa de conciliación organizado pola Concellería de Educación e Cidadanía, e que se desenvolve nos CEIPs Raíña Fabiola e Monte dos Postes. Este segundo centro recibiu esta mañá a visita do concelleiro Manuel Dios, que quixo coñecer as actividades das que están a gozar nestes días os cativos e cativas.

O concelleiro de Educación e Cidadanía visitou o colexio Monte dos Postes, que acolle por vez primeira o programa de conciliación de verán. Tradicionalmente, as actividades desenvólvense no CEIP das Fontiñas, pero as obras que a Consellería de Educación vai executar no centro impedían que albergara desta vez o programa. Manuel Dios explicou que "o programa arrancou con total normalidade o pasado venres, na primeira xornada de vacacións para o alumnado de Educación Infantil e Primaria". O concelleiro incidiu tamén en que "no programa conseguiron a súa praza todas as persoas solicitantes, a excepción dunha que non cumpría os requisitos de idade da convocatoria. Tamén lembrou que "ainda quedan prazas dispoñibles, tanto no Monte dos Postes como no Raíña Fabiola, polo que as familias interesadas poden inscribirse ainda no departamento de Educación". En canto ao programa educativo, Manuel Dios explicou que se quixo incidir "na educación emocional, introducindo valores como a igualdade de xénero, a solidariedade ou a paz a través de xogos, música ou mesmo cine".

O programa desenvolverase os días 22, 25, 26, 27, 28 e 29 de xuño, do 2 ao 31 de xullo e 3, 4, 5, 6 e 7 de setembro; agás sábados, domingos e festivos. Como é habitual, ofértanse os servizos de madrugadores (só no CEIP Monte dos Postes, e en horario de 7:45 a 9:00 horas), actividades (de 9:00 a 14:00 horas) e comedor, de 14:00 a 16.00 horas).

Compartir: