DEPORTE

Preto de 350 deportistas participarán desde mañá na V Jamboree Minibasket

26/06/2018 Un total de 345 deportistas de 22 equipos participarán desde mañá na V Jamboree de Minibasket que organizan a Federación Galega de Baloncesto e o Concello de Santiago. A competición vaise desenvolver no pavillón do Restollal, con 10 equipos masculinos e 12 femininos.

A concelleira de Deporte, Noa Morales, e a secretaria da Federación Galega de Baloncesto, Susana Fiuza, presentaron hoxe a V edición da Jamboree de Minibasket, que se vai desenvolver desde mañá ata o sábado 30 de xuño. Desta vez, no pavillón do Restollal daranse cita 22 clubs de Galicia, Melilla, Castela León e Navarra. A nosa comunidade estará representada por 14 equipos, tres deles galegos: o Pío XII na categoría feminina e o Pío XII-Rosalía e o Peleteiro na categoría masculina.

Noa Morales reiterou o apoio do Concello de Santiago "a este tipo de competicións nas que se fomenta o deporte de base, tanto na categoría masculina como na feminina". Tamén mostrou a satisfacción pola participación de tres clubs da cidade, aos que quixo desexar a máxima fortuna na competición, e salientou que desta vez "imos ter máis equipos femininos que masculinos, o que non adoita ser o habitual e por iso é unha moi boa noticia".

Na V Jamboree de Minibasket, que se presenta como un Campionato de España oficioso na categoría de Minibasket, disputaranse un total de 58 partidos, repartidos en tres pistas de xogo e catro xornadas. Na categoría masculina fórmanse dous grupos de cinco equipos cada un, que xogarán unha liga a unha volta desde mañá, para disputar a final o próximo sábado. Na categoría feminina haberá tres grupos de catro equipos, que tamén disputarán unha liga a unha volta para xogar o sábado a final e o partido polo terceiro e cuarto posto.

Documentos relacionados



Compartir: