MEDIO AMBIENTE

A zona de Outeiro de Sar estrea parque infantil grazas aos Orzamentos Participativos

25/06/2018 A rúa de Outeiro de Sar, entre os barrios de Sar e Fontiñas, vén de estrear un novo parque infantil. A área de xogos foi unha das propostas seleccionadas no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide, e nela investíronse algo máis de 145.000 euros.

A alcaldesa en funcións e concelleira de Facenda, María Rozas, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, visitaron esta mañá o parque infantil, do que os nenos e nenas da zona xa levan gozando algo máis dunha semana. María Rozas lembrou que "a proposta do parque infantil de Outeiro de Sar foi presentada a título individual por varios veciños e veciñas da zona, que se uniron para formular este proxecto". A concelleira de Facenda salientou que "este é un moi bo exemplo da filosofía dos Orzamentos Participativos, un proceso que permite que saian adiante propostas moi variadas da veciñanza".

Zona infantil e de persoas adultas
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que a instalación do novo parque infantil requiriu o axardinamento dunha ampla zona da rúa Outeiro de Sar, de máis de 800 metros cadrados. Nunha parte desta área plantáronse árbores autóctonas e arbustos, e acondicionouse un paseo no que se emprazou unha zona de estar con mobiliario urbano. Tamén se habilitou unha zona dedicada a elementos biosaudables, e a mesas de xogos como parchís, ping-pong ou xadrez.

A parte destinada aos xogos infantís, delimitada por un balado de madeira, está pensada para ser utilizada por máis de 80 nenos e nenas de forma simultánea, que poderán gozar de case 160 actividades distintas. A zona central do parque infantil está ocupada por un elemento multixogo e un carrusel inclusivo. Hai tamén tres randeeiras, entre elas unha inclusiva e unha tipo cesta; un tubo tipo túnel, circuítos de pavimentos e un xogo twister. O chan é de caucho reciclado.

Novo proceso de Orzamentos Participativos
A concelleira de Facenda aproveitou a visita para lembrar que xa está en marcha o proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide para as contas de 2019. A fase para a presentación de propostas está aberta ata o 6 de xullo, e poden presentarse tanto a través da web decide.santiagodecompostela.gal ou presencialmente, nas asembleas e encontros sectoriais que se están a celebrar nestes días. Ademais, haberá un gran evento de rúa o 30 de xuño na Praza 8 de Marzo, no que tamén será posible achegar propostas.

Un ano máis, o importe total dos Orzamentos Participativos repártese entre investimentos e actividades. Así, destínanse 400.000 euros ao municipio no seu conxunto ou a propostas que afecten a máis dunha zona da cidade, 450.000 euros ás parroquias do rural (é a única zona que repite en cada exercicio, por motivos de reequilibrio territorial, sendo o resto das áreas rotatorias) e 225.000 euros respectivamente a dúas zonas da cidade, que nesta edición se corresponden cos barrios do leste (San Roque, Bonaval, San Pedro, Concheiros, Almáciga, La Salle, Tras Santa Clara, Home Santo, Belvís, Seminario Menor, A Trisca e Avenida de Lugo) e o noroeste (Galeras, Carme, Casas Novas, Santa Isabel, Salvadas, Vista Alegre, O Avio, San Lourenzo, Pombal, Pelamios, Xoán XXIII, A Estila, O Romaño e A Peregrina). Os restantes 200.000 euros destínanse a partes iguais a propostas de actividades para a mocidade e a celebrar durante as Festas do Apóstolo de 2019.

Compartir: