ACCIÓN CULTURAL

"Peregrinos musicais" aumenta a sete o número de concertos, nos que participarán 11 novos talentos da música clásica

21/06/2018 Santiago vai volver vestir a súas mellores galas nos escenarios históricos e monumentais que se reparten pola capital de Galicia para acoller, por oitavo ano consecutivo, o Festival Peregrinos Musicais. Ao Teatro Principal, a Catedral de Santiago e o Auditorio de Galicia engádense este ano o Salón Teatro, o Paraninfo da USC e o Auditorio de Sanxenxo. Tamén vai contar como é habitual coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, que dirixe Maximino Zumalave, que ofrecerá un gran concerto de clausura o mércores 4 de xullo como remate da VIII edición do festival. Únese ao grupo de colaboradores de Peregrinos Musicais a Sociedade Filharmónica Rías Baixas, o que vai dar pé á organización dun concerto especial na localidade de Sanxenxo.

A música clásica volverá soar con forza, entusiasmo e co seu máximo esplendor, grazas a once novos/as músicos/as que se incorporan a este proxecto. Tamén formarán parte da VIII edición outros/as invitados/as estelares, que van participar xunto con músicos/as noveis nos concertos "Mestres e Laureados", unha clase maxistral e outros concertos de nova creación.

Nesta ocasión, o festival aumenta o número de concertos respecto a edicións anteriores e vai contar con sete programacións que se desenvolverán entre o 28 de xuño e o 4 de xullo. Os concertos estenderanse ao longo dunha semana en diferentes salas e escenarios.

O 28 de xuño levantarase o telón do Teatro Principal para o seu concerto inaugural. A posta en escena servirá para facer a presentación dos solistas seleccionados para esta edición.

Mestres e Laureados
O festival continuará no Salón Teatro o 29 de xuño. A cita acolle unha das programacións clásicas do festival baixo o título "Mestres e Laureados", onde artistas consagrados como Ilona Timchenko, Jean Johnson ou Ilona Sie Dhian Ho van subir ao escenario para compartir actuación con xoves músicos que xa foron peregrinos musicais noutras edicións e que agora regresan ó festival tras recibir unha mención honorífica, ou un premio, noutros concursos ou festivais de carácter internacional. Nesta edición programáronse dous concertos destas características.

O primeiro concerto "Mestres e Laureados" terá como protagonista a unha grande estrela do clarinete, como a británica-estadounidense Jean Johnson, ademais de contar coa participación do cuarteto de vento Tetramorph (con Amelia Ónega, Martiño Malleiro, Melissa David e Miguel Costa).

O 30 de xuño será a quenda dos artistas do violín e o acordeón. Este segundo concerto, que leva o selo persoal do festival "Mestres e Laureados", soará no Salón Teatro, onde as estrelas invitadas son a violinista Ilona Sie Dhian Ho e a acordeonista Nerea Rodríguez.

O sábado 30 de xuño abriranse as portas do Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC para ofrecer unha clase maxistral de violín e de clarinete que será impartida polos músicos Ilona Sie Dhian Ho (violín) e Jean Johnson (clarinete).

Sen dúbida, unha das imaxes máis espectaculares do festival producirase o 1 de xullo na Catedral de Santiago. Esta é unha imaxe que se repite todos os anos e é unha das citas máis esperadas de cada edición. A sonoridade deste concerto alcanza sempre unha grandiosidade acorde con este inédito escenario Este concerto sempre encheu a capacidade dispoñible e é o único totalmente gratuíto para todo o público asistente.

Peregrinos Musicais tamén ampliou a súa presenza fóra da capital de Galicia. O 2 de xullo trasladará por un día o centro das actuacións á localidade pontevedresa de Sanxenxo. Para a organización deste concerto cóntase coa colaboración da Sociedade Filharmónica Rías Baixas.

O 3 de xullo, o festival vai volver a acender as luces do Teatro Principal de Santiago para enchelo de notas musicais compostas polos grandes xenios da historia universal da música culta da man da clarinetista americana Jean Johnson e a pianista rusa Ilona Timchenko.

O peche da VIII edición de Peregrinos Musicais vai ser, como é habitual, no Auditorio de Galicia, o 4 de xullo. Os solistas da oitava edición terán a honra de compartir escenario coa Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección e a batuta do mestre Maximino Zumalave.

Peregrinos Musicais
Ao longo dos seus oito anos de vida, o Festival Peregrinos Musicais superou o centenar de participantes. A maioría dos e das solistas invitados proceden de Galicia. O carácter internacional da convocatoria complétase con músicos/as dun excelente nivel técnico chegados de Holanda, Rusia, Armenia, Estados Unidos, Alemaña, Xeorxia, Belarús, Canadá e Francia.

Todos/as os/as seleccionados/as teñen un elemento en común: representan, coa interpretación do seu instrumento, o maior nivel de excelencia profesional na música clásica á súa idade. O proxecto pretende que os mozos e mozas, ademais de ter as súas primeiras experiencias sobre o escenario, compartan magníficas experiencias musicais. E ademais descóbrelles aos amantes da música clásica as diferentes escolas e estilos musicais que existen.

Ilona Timchenko é a fundadora e directora do Festival Peregrinos Musicais, unha iniciativa que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais, e do Concello de Santiago de Compostela, ademais de diversas colaboracións, como as da Universidade de Santiago de Compostela, Estrella Galicia e Intercentros Melómano.

Direccións relacionadas



Compartir: