POLÍTICAS SOCIAIS

As bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares poden solicitarse dende mañá venres

21/06/2018 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de hoxe xoves, 21 de xuño, publica a convocatoria das bolsas de comedor, adquisición de material escolar a realización de actividades extraescolares. Así pois, dende mañá venres, 22 de xuño, e por un prazo de 15 días hábiles, estará aberto o prazo para a súa solicitude.

O Concello incrementou un ano máis o orzamento para estas becas, alcanzando neste exercicio os 586.000 euros. Ademais, apostouse pola simplificación dos trámites, para que as familias non teñan dificultades para optar ás bolsas.

Estas bolsas están dirixidas ás unidades de convivencia familiar con menores escolarizados en centros de Educación Infantil e Primaria sostidos con fondos públicos. Igual que o ano pasado, haberá dúas modalidades de bolsas: as que se conceden a familias con escaseza de recursos económicos, que poden ser axudas para o comedor, as actividades extraescolares, ou a compra de material escolar; e as bolsas que se outorgan por razóns de conciliación da vida laboral e familiar, e que se limitan ás bolsas de comedor.

Máis orzamento e máis axudas
O orzamento destinado este ano á convocatoria é de 586.000 euros, fronte aos 500.000 euros do curso pasado. Este ano, as bolsas de comedor escolar na modalidade de escaseza económica serán dunha cantidade fixa de 90 euros mensuais, salvo que o importe a abonar pola familia sexa menor. Ata o de agora, outorgábanse axudas dun 90% do custo do comedor, ata un máximo de 90 euros. No caso das bolsas de comedor por motivos de conciliación, o importe será de 45 euros mensuais, e concederanse 70 bolsas, 20 máis que neste curso.

En canto ás bolsas para actividades, serán de 30 euros mensuais, e as axudas para a compra de material realizaranse nun pago único de 60 euros.

Trámites simplificados
Os trámites son o máis simplificados posible. Nesta convocatoria só se require presentar o impreso, a fotocopia de DNI ou pasaporte en vigor, un impreso de autorización para consulta nas diferentes administracións de datos persoais, e os xustificantes de ter feita a preinscrición ou reserva de praza e de ter reserva de praza nos comedores escolares. No caso das actividades extraescolares, o xustificante de reserva poderase presentar ata o 10 de outubro, porque é nese mes cando adoitan definirse as actividades.

Compartir: