IGUALDADE

Minuto de silencio polas últimas vítimas mortais da violencia machista

19/06/2018 A praza do Obradoiro acolleu un minuto de silencio para condenar os últimos asasinatos machistas, que deixaron este luns dúas vítimas, unha en Badalona (Barcelona) e outra no Porriño (Pontevedra).

A alcaldesa en funcións, María Rozas, e outros/as integrantes da Corporación participaron neste acto, no que se gardou un minuto de silencio en recordo das mulleres asasinada. Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.

A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.

Mañá mércores, ás 20:00 horas, haberá unha concentración na praza 8 de Marxo para condenar estes últimos asasinatos.

Compartir: