CONVIVENCIA

O Concello non atenderá solicitudes de cacharelas posteriores ao 15 de xuño

18/06/2018 A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia lembra que o pasado venres, 15 de xuño, quedou pechado o prazo de solicitude de autorizacións para a realización de cacharelas e sardiñadas de San Xoán na vía pública. Polo tanto, non se atenderá ningunha solicitude presentada con posterioridade á devandita data.

Cómpre lembrar que as cacharelas que teñan lugar na vía pública están suxeitas á correspondente autorización, mentres que as que se desenvolvan en terreos de propiedade privada deben presentar comunicación previa da actividade. Na vía pública só se poderán celebrar as cacharelas ou sardiñadas solicitadas por colectivos ou asociacións.

Normas de seguridade
As cacharelas están prohibidas na praza do Obradoiro, Quintana, Toural, Praterías, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada, Mazarelos, San Miguel, Irmán Gómez e San Agustín.

Todas as cacharelas celebradas nos espazos públicos serán inspeccionadas previamente tanto pola Policía Local como polos Bombeiros, para asegurar que cumpran os requisitos esixidos en canto a volume, separación entre árbores e edificios e pavimento.

Na zona urbana, o volume do combustible da cacharela non superará os 2 metros de diámetro e os 6 de perímetro, nin o metro de altura. Na zona rural, non se sobrepasarán os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro. Cando as cacharelas se fagan sobre terreos de uso público lousados, protexerase o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano. Como é habitual, estará prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e, en xeral, calquera substancia que desprenda fume tóxico. Ao rematar a cacharela, os organizadores aseguraranse de que non quedan cinzas acendidas, e terán a obriga de limpar o espazo utilizado para a actividade.

Compartir: