TURISMO

Marta Lois participou na Xunta Directiva da Asociación de Municipios do Camiño

15/06/2018 A concelleira de Turismo, Marta Lois, participou esta mañá na localidade burgalesa de Castrojeriz na reunión da Xunta Directiva da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS), por delegación do alcalde, Martiño Noriega, de permiso por paternidade.

Antes da reunión, nun encontro cos medios de comunicación, a alcaldesa de Castrojeriz, Beatriz Francés, deu a benvida ás persoas integrantes da directiva e agradeceu que "esta se celebre nun municipio pequeno como é o noso", aproveitando para resaltar "a importancia que a ruta xacobea ten, actualmente, nas economías locais das pequenas entidades".

No nome do presidente a AMCS e alcalde de León, tomou a palabra Margarita Torres, concelleira de Cultura, Patrimonio e Turismo da capital leonesa, quen destacou que "a Asociación ten como obxectivo que se escoite a voz dos municipios do Camiño de Santiago, o cal cualificou como "o itinerario cultural de Europa por autonomasia". Referiuse tamén á "solidariedade entre todos os municipios que estamos irmandados por un mesmo obxectivo, que é dar a coñecer o Camiño", e adiantou que na xuntanza se tratarían temas fundamentalmente relacionados coa comunicación e as ferramentas a impulsar nos próximos meses.

Informe de xestión
Xa durante a reunión da Xunta Directiva, a secretaria técnica da AMCS presentou un informe de xestión e actividades no que deu conta do traballo do primeiro semestre deste 2018. No mesmo destaca a posta en marcha da oficina da sede da Asociación, localizada en Jaca, que xa ten asumidas todas as tarefas administrativas e implementada a administración electrónica para a relación cos entes asociados.

No mesmo informe ponse de manifesto a xestión para a incorporación de novos municipios, marcándose como obxectivo colectivo chegar a 90 concellos asociados para a próxima Asemblea Xeral, que se celebrará o 9 de novembro na localidade navarra de Estella-Lizarra, segundo o acordado tamén hoxe.

Ademais, o relatorio presentado incluíu as accións levadas a cabo para a constitución do Comité Científico da AMCS, realizada en Logroño o pasado 16 de febreiro, así como as xestións para a sinatura dun convenio de cooperación co Grupo Compostela de Universidades, que será asinado despois do verán. Este acordo será unha ferramenta para o desenvolvemento de actividades e programas de actuacións comúns académicas, culturais ou de dimensión social relacionadas co Camiño de Santiago.

Diagnóstico do Camiño
Unha das actividades máis destacadas desta primeira andaina da AMCS é a elaboración dun Diagnóstico do Camiño, a través da análise xeral daqueles elementos que sustentan o fenómeno xacobeo, como son o Camiño, os peregrinos, a sinalética, a rede de albergues e os municipios por onde discorre. No diagnóstico examinouse dende a situación da ruta física ata os servizos de atención ao peregrino, así como os vinculados coa información e a comunicación.

Analizáronse realidades territoriais para a detección das ameazas e oportunidades máis relevantes, que requiren dunha priorización nas intervencións. O resultado foi un Informe de Análise DAFO sobre a situación do Camiño de Santiago Francés, que permitirá o deseño dun plan de intervención para levar a cabo en fase posterior. A partir deste análise definiranse obxectivos, establecendo prioridades e elaborando unha planificación de intervencións.

Protocolo de proxecto e nova web
Tamén na Xunta Directiva de hoxe aprobouse o protocolo que ten por obxecto a regulación dos procedementos de presentación e selección de proxectos externos que desexen contar co apoio técnico e financeiro da AMCS para a súa execución. Así, a AMCS dá a posibilidade a axentes con interese na posta en marcha de iniciativas a implementar no trazado do Camiño de Santiago francés de presentar proxectos seguindo as pautas marcadas por este Protocolo.

A nova web da AMCS está activa xa na dirección www.amcsantiago.com e foi presentada hoxe mesmo aos membros da directiva. A web insírese dentro dun plano de comunicación global e adianta información sobre todos os municipios da asociación e sobre o Camiño francés en particular.

Compartir: