MOBILIDADE

Tussa inicia a xestión directa da ORA e do guindastre nunha xornada con incidencias menores

15/06/2018 A primeira xornada da xestión directa dos servizos da ORA e o guindastre por parte de Tussa está a transcorrer con normalidade, e unicamente se rexistraron incidencias menores nas primeiras horas do día. O proceso de transición entre a anterior empresa concesionaria, Setex, e a empresa municipal finalizou en torno ás 6:30 horas, e ao longo da mañá fóronse resolvendo os problemas detectados en determinados parquímetros da cidade.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, deron conta das incidencias rexistradas nas primeiras horas tras a asunción directa do servizo por parte de Tussa. O edil explicou que "o funcionamento dos servizos está sendo relativamente bo, malia a problemas puntuais nun proceso de transición que é enormemente complexo". Xan Duro pediu "paciencia á cidadanía nestas primeiras xornadas, nas que estaremos vixilantes para solucionar as incidencias que poidan xurdir no menor prazo posible".

Residentes
Unha das incidencias rexistradas ao longo da mañá estivo relacionada coa base de datos de residentes, que foi preciso cargar de novo ao terse detectado un erro no aplicativo do software. Ata que estea solventado, Tussa pídelle aos usuarios e usuarias que escriban o seu número de tarxeta no tíquet da ORA, "para que os controladores e controladoras o teñan en conta ao facer as revisións".

Parquímetros
En canto aos parquímetros, rexistráronse avarías puntuais nos situados en Santiago de Chile, San Roque e no contorno da piscina universitaria. En todos os casos, a previsión é que as incidencias estean solventadas ao longo do día de hoxe.
O xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, explicou que " o software da anterior empresa concesionaria foi desinstalado ás 6:30 horas, para instalar o software de Tussa, e nestes procesos é habitual que se produzan algúns desaxustes".

Aplicación móbil
Dende hoxe, para o pago dos tíquets da ORA desde o móbil só se pode utilizar a nova app Moviltik. Nas primeiras horas da mañá os usuarios e usuarias informaron de que aínda atopaban dispoñible a anterior aplicación E-park, por un erro atribuíble á anterior concesionaria, que xa quedou solucionado.

Tussa recorda que a nova aplicación ten un funcionamento diferente a E-park, onde era preciso cargar previamente unha tarxeta monedeiro. Agora, con Moviltik, non é preciso realizar o pago por adiantado. O condutor ou condutora debe activar a aplicación no momento do estacionamento, sinalando o tempo que prevé utilizar a praza. Cando a abandona pode premer a opción "Desaparcar", de xeito que só se paga polo tempo real de estacionamento.

Para resolver ou comunicar calquera incidencia relacionada coa ORA e o guindastre, os usuarios e usuarias poden chamar ao teléfono 981 568 106.

Compartir: