POLÍTICAS SOCIAIS

Comeza unha rolda de xuntanzas no rural para presentar os Servizos Sociais Comunitarios

13/06/2018 A concelleira de Políticas Sociais vén de iniciar unha rolda de reunións coas asociacións veciñais da zona rural para presentar e explicar os diferentes programas e prestacións que se desenvolven desde os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Santiago. Concha Fernández mantivo onte a primeira desas xuntanzas, coa veciñanza de Bando e Aríns.

O obxectivo destas reunións é achegar os Servizos Sociais á veciñanza do rural, para garantir que todas as persoas poidan acceder en igualdade de condicións aos programas e prestacións que se están xestionando en materia social desde o Concello. Coas xuntanzas trátase de atallar o descoñecemento que aínda existe entre a veciñanza das parroquias ao respecto dos recursos que teñen ao seu dispor.

Calendario de reunións
Despois da reunión de onte coa veciñanza de Bando e Aríns, o próximo luns, 18, está prevista unha xuntanza coas veciñas e veciños de Marrozos e O Eixo. Será a partir das 8 da tarde, no local sociocultural de Marrozos. Ao día seguinte, 19 de xuño, será a reunión en Verdía, tamén para os residentes de Busto.

Xa en xullo están previstas reunións en Marantes, para a veciñanza desta parroquia e de Nemenzo; na Gracia, tamén para os residentes na Grixoa; en Villestro, dirixida ás parroquias de Villestro, Laraño e Figueiras; e en Enfesta, tamén cos veciños e veciñas de Carballal. As últimas xuntanzas serán na Barciela, coa veciñanza de Barciela e Cesar; e na Peregrina, coa veciñanza desta parroquia e de San Xoán de Fecha.

Compartir: