EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Compostela e Santiso xúntanse para celebrar o Día Europeo da Música

12/06/2018 A Escola Municipal de Música de Santiago e a Banda de Música de Visantoña van celebrar conxuntamente en Compostela o Día Europeo da Música, cun programa impulsado pola Concellaría de Educación e Cidadanía. A celebración será o próximo sábado e encherá de música as prazas das Praterías e do Toural.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou hoxe os actos, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o director da Escola Municipal de Música de Santiago, Fernando Rey, e o director da Banda de Música de Visantoña, Iván Pantín. O edil explicou que o seu departamento quixo celebrar o Día Europeo da Música "xuntando a dous concellos que destacan pola súa promoción da música entre os máis novos, como son os de Santiso e Compostela". Dios incidiu en que "este tipo de eventos musicais en vivo son fundamentais na educación musical, que debe ter unha importante parte práctica".

O director da Banda de Música de Visantoña agradeceu o convite do Concello de Santiago. Iván Pantín recoñeceu que "para a formación é sempre unha honra poder tocar en Compostela, porque é para nós unha subida de nivel". En canto á súa actuación, explicou que "será un repertorio ecléctico, con temas propios de Banda de Música, pero tamén con moito rock".

Música nas Praterías e no Toural
A celebración do Día Europeo da Música terá dous escenarios centrais: a praza das Praterías e a do Toural. Na primeira delas, a partir das sete da tarde, poderanse escoitar os concertos de varias formacións vinculadas á Escola Municipal de Música de Santiago. Actuarán, en concreto, a Orquestriña Infantil, dirixida por Mario Diz; a Orquestra de Corda, tamén baixo a batuta de Mario Diz; o Combo Moderno, e a Banda, dirixida por Óscar Fernández.

Mentres, tamén a partir das sete da tarde, na praza do Toural, terá lugar o concerto da Asociación Cultural Banda-Escola de Visantoña. Esta formación do concello de Santiso ten 141 anos de historia e na actualidade conta con 35 músicos.

A clausura da celebración será na praza das Praterías a partir das 20:30 horas. Alí poderase escoitar á Escola Municipal de Música de Santiago e á Escola de Visantoña, que interpretarán o Himno Galego e o Himno da Alegría.

Día Europeo da Música
O Día Europeo da Música conmemórase cada 21 de xuño, co obxectivo de animar a músicos profesionais e afeccionados a tomar as rúas das súas cidades e ás institucións musicais a realizar actividades fóra dos seus espazos habituais. A Concellaría de Educación e Cidadanía vénse sumando a esta celebración dende o ano 2010, coa colaboración nas diferentes convocatorias das escolas de música, o conservatorio, os centro de ensino ou diferentes profesionais da música. Nos últimos anos, o Departamento quixo contar coa colaboración de entidades de fóra de Santiago. O ano pasado sumárase á cita o grupo de música tradicional Río de Anxo, de Rianxo.

Outras actividades
O director da Escola Municipal de Música aproveitou a rolda de prensa para presentar outras actividades que vai desenvolver o centro nos próximos días. Así, mañá mércores terá lugar o Festival de Música e Movemento, no que se xuntarán 180 nenos e nenas de 3 a 7 anos para mostrar o traballo desenvolvido ao longo do curso. Farano a través dun espectáculo chamado "Hoxe soñei ser", que agrupa 15 pezas musicais.

Xa o xoves, a Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acollerá o Festival Fin de Curso da Escola Municipal de Música, a partir das 19:00 horas. Nel participarán máis de 400 nenos e nenas. O director da Escola Municipal, Fernando Rey, explicou que o festival está concibido coma unha homenaxe ao papel da muller na música galega.

Compartir: