LINGUA

Case 300 imaxes participaron na terceira edición de Fotolingua

11/06/2018 O concurso Fotolingua vén de pechar a súa terceira edición, coa presentación de case 300 imaxes únicas de establecementos de Santiago que utilizan o galego nas súas comunicacións. Na pasada convocatoria, rexistráranse un total de 98 fotografías, algunhas delas publicadas por duplicado nas dúas redes sociais utilizadas no certame, Facebook e Instagram.

O prazo para participar en Fotolingua pechouse o pasado 7 de xuño. Nesta terceira convocatoria foron presentadas 221 imaxes diferentes e únicas, fronte ao total de 98 publicadas na anterior edición, algunhas delas duplicadas nas dúas redes sociais. Ademais, para animar a convocatoria desde a organización e tamén desde moitos establecementos sumaron outras 73 imaxes, alcanzando o total de 294 fotografías. As imaxes superaron un alcance de 6.000 visualizacións e provocaron máis de 4.000 interaccións.

Imaxes premiadas
Fotolingua bota man de Facebook e Instagram para darlle visibilidade ao uso do galego no ámbito comercial, reforzando os establecementos que o empregan e animando a outros a que o fagan e tamén. En cada edición escóllense dúas imaxes gañadoras, unha seleccionada pola organización e outra elixida polo público a través dos "gústame". As gañadoras recibirán como agasallo cadansúa cámara Polaroid Snap.

A imaxe premiada polo público nesta terceira edición foi a publicada en Instagram por @orballoooo, recollida no escaparate da tenda de agasallos Mononoke, da rúa de San Pedro. A imaxe obtivo 394 likes. Desde a organización seleccionouse a imaxe publicada en Facebook por Ana Arceo Túñez da lavandería Rodela, na rúa de Alejando Pérez Lujín. Ademais, o Departamento de Lingua, que xestiona esta convocatoria, quixo destacar tamén a especial atención que lle dedicaron ao concurso dous dos participantes: Xaime Varela Sieiro e Rafael Rodríguez Rey.

A terceira edición de Fotolingua confirma unha vez máis a vitalidade do galego no tecido comercial e empresarial compostelán que, malia todo, precisa aínda do reforzo da clientela e das institucións. Nesa liña, dende o Concello de Santiago mantéñense ano a ano varias iniciativas que perseguen poñelo en valor e facilitar o apoio que necesita, entre as que destacan as axudas á publicidade comercial e o Premio Manuel Beiras.

Compartir: