CONSORCIO

Alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece mañá martes un novo concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

11/06/2018 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa A Escola na Cidade, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

No marco deste programa, mañá martes, 12 de xuño, ás 20:30 horas, os rapaces e rapazas ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia, acompañados/as polas pianistas Simona Velikova e Eriko Ishimoto.

En primeiro lugar actuará o trompista Adrián Lavia, que interpretará o Concerto para trompa nº 2 de Richard Strauss. De seguido, o violinista Theologos Kouvatis achegará ao público a Sonata para violín e piano do compositor italiano Ottorino Respighi e un fragmento da Sonata para violín e piano de Johannes Brahms. A continuación, o trompetista Francisco Gaspar Tomás, o trompista Adrián Lavia e o bombardino David Lavia tocarán as obras A Philharmonic Fanfare, do estadounidense Eric Ewazen; Catro movementos para trío de metais, de Henry Purcell; Fuga a tres voces nº 1, de Oskar Böhme, e Sonata para trío de metais, de Francis Poulenc, coa que concluirá esta cita musical.

Este ciclo de concertos rematará este mércores 13 de xuño, no mesmo Paraninfo da USC, coa derradeira actuación do curso dos alumnos e alumnas da Escola de Altos Estudos Musicais.

Compartir: