IGUALDADE E MEDIO RURAL

Un encontro no Centro Cívico de Laraño pecha os Obradoiros de empoderamento no rural

11/06/2018 Os Obradoiros de empoderamento do rural botan o peche cun gran encontro no Centro Cívico de Laraño, que permitirá que ás mulleres que participaron na actividade nas distintas parroquias de Compostela poñan en común as súas experiencias. A xuntanza será o mércores, 13 de xuño, a partir das 17:00 horas. O obxectivo é fomentar a creación dun espazo de convivencia entre as mulleres das parroquias e impulsar o asociacionismo neste ámbito. A concelleira de Igualdade, Marta Lois, e o edil de Medio Rural, Rafael Peña, deron conta da celebración do encontro, nunha rolda de prensa na que tamén participou Cruz Dafonte, dinamizadora dos obradoiros.

A concelleira de Igualdade mostrouse moi satisfeita co resultado dos Obradoiros de empoderamento no rural, que "puxeron de manifesto que as mulleres das parroquias teñen ganas de tecer rede, de intercambiar experiencias e de sentírense apoiadas mutuamente". Marta Lois explicou que esta actividade "ten a súa orixe no estudo elaborado pola Concellaría de Igualdade no ano 2015, que puxo de manifesto que a atención ás necesidades das mulleres rurais seguía sendo moi escasa". Por iso, engadiu, "en 2016 impulsamos o programa Vida Propia, co obxectivo de favorecer o crecemento persoal e benestar das mulleres do rural de Compostela, programa que tivo continuidade con estes Obradoiros que agora chegan ao seu fin pero que pretendemos consolidar".

Na mesma liña, o concelleiro Rafael Peña asegurou que "estes Obradoiros son unha das actuacións das que máis orgulloso estou como concelleiro do Medio Rural, por riba mesmo das obras que acostumo presentar dende o meu departamento". O edil lembrou que "as mulleres coas que traballamos nesta iniciativa enfróntanse a unha dobre barreira: a de ser mulleres e a de vivir no rural de Santiago". Por iso, comprometeuse a darlle continuidade a estes obradoiros, co obxectivo de amplialos a todas as parroquias.

Encontro de Laraño
O encontro de Laraño pretende crear un espazo de convivencia e intercambio de experiencias entre as mulleres das distintas parroquias que participaron nos Obradoiros de empoderamento, e favorecer a creación de redes de mulleres no rural.

A xuntanza servirá tamén para visibilizar e valorar o impacto do programa. Para iso, proxectarase un vídeo no que as mulleres participantes deixaron as súas testemuñas, non só sobre o transcorrer das sesións, senón tamén sobre as súas propias vidas e sobre os cambios que queren introducir nelas despois de participar nos obradoiros. Ademais, as mulleres tomarán a palabra durante o acto para trasladar as súas experiencias e facer balance das sesións.

O encontro de Laraño terá tamén unha parte máis lúdica, coas actuacións dos grupos de pandeireteiras de Busto e Aríns, e a presentación da canle de youtube "Desde Sabugueira para o mundo", creada por un grupo de mulleres da Lavacolla para compartir os seus trucos caseiros ou os traballos manuais que realizan. A xuntanza rematará cunha merenda.

Memoria dos obradoiros
Os Obradoiros de empoderamento no rural desenvolvéronse durante os meses de marzo, abril e maio nas parroquias de Busto, Lavacolla, Laraño, Aríns e Santa Cristina de Fecha. En total, participaron 58 mulleres cunha idade media de 66 anos, aínda que houbo asistentes dende os 21 ata os 88 anos.

En cada unha as parroquias desenvolvéronse catro sesións de traballo, cada unha cunha temática diferente: conciencia corporal, comprensión e regulación emocional, control e manexo do estrés, e risoterapia e afrontamento positivo. Os obradoiros completáronse cunha quinta xornada de traballo, para gravar as experiencias das mulleres que foron recollidas nun vídeo que se presentará o mércores no encontro de Laraño.

Cruz Dafonte, dinamizadora dos Obradoiros, explicou que a actividade desenvolvida nos tres últimos meses "sacou á luz a realidade das mulleres do rural, que na súa maioría dedicaron a súa vida ás demais persoas, porque son mulleres coidadoras". Tamén incidiu en que nas sesións "traballouse dende a perspectiva do corpo, para reflexionar como pasan factura física os traballos aos que se enfrontaron as mulleres desde nenas, e tamén dende a perspectiva da xestión das emocións, porque a entrega ás demais persoas incapacita para poñer límites e fai que estas mulleres sexan incapaces de dicir que non". Cruz Dafonte salientou que a maioría das participantes nos obradoiros recoñeceron que esta actividade contribuíra a mellorar o seu benestar físico e emocional; a aprender a valorar e gozar do tempo propio, a expresar as emocións e a sentirse máis libre e independente.

Compartir: