XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local destinará preto de medio millón de euros á mellora do céspede de Santa Isabel

08/06/2018 A Xunta de Goberno adxudicou este venres as obras de renovación e ampliación do céspede sintético e do sistema de rega do campo de fútbol de Santa Isabel á UTE formada por Francisco Gómez y Cia e Calfensa Proyectos SL. A, actuación suporá un investimento de 435.000 euros.

A actuación adxudicada na Xunta de Goberno de hoxe é a primeira que se acomete na zona do céspede de Santa Isabel desde o ano 2006, cando se mudou a herba natural por artificial. A alcaldesa en funcións, María Rozas, lembrou que "o Goberno está a facer unha clara aposta por poñer en valor estas instalacións municipais, con varios proxectos relevantes que lle mudarán sensiblemente a cara a Santa Isabel nos próximos meses". Así, lembrou que xunto coa renovación do céspede, "está previsto investir algo máis de 70.000 euros no acondicionamento da praza de acceso ao campo de fútbol e investiranse máis de 115.000 euros en obras de mellora de accesibilidade".

As obras de renovación do céspede e sistema de rega teñen como obxectivo acondicionar o terreo de xogo de xeito que nel se poidan xogar partidos de Fútbol 11 e Fútbol 7 homologados polas federacións deportivas. Para iso non só se instalará céspede de mellor calidade, senón que tamén se mudará o deseño do campo para facilitar a evacuación de augas, habilitarase unha zona de adestramento de 1.200 metros cadrados e mellorarase a iluminación. As obras teñen un prazo de execución de mes e medio, se ben se trata de traballos que esixen unhas condicións meteorolóxicas moi favorables que poden aumentar o prazo real da actuación.

Ascensor de Triacastela
Na Xunta de Goberno tamén quedou adxudicada a actuación para a mellora da accesibilidade na rúa Triacastela. O proxecto correrá a cargo da empresa COPCISA S.A, e suporá un investimento dalgo máis de 355.000 euros. O prazo de execución é de seis meses.

O proxecto contempla a instalación dun ascensor que salve o desnivel que existe entre Triacastela e Concheiros, "solucionando un problema de accesibilidade do que a veciñanza se ven queixando, e con razón, dende hai anos", segundo lembrou a alcaldesa en funcións. María Rozas explicou que o elevador "estará aliñado coas edificacións que teñen a súa fronte cara a avenida de Lugo, e na parte superior salvarase a distancia con Concheiros cunha pasarela acristalada". O ascensor terá capacidade para 16 persoas e durante a súa instalación tamén se renovarán as redes de saneamento, abastecemento e telecomunicacións na rúa.

Accesos á parroquia de Busto
Outra das obras adxudicadas hoxe foi a da mellora da pavimentación do viario de acceso á parroquia de Busto. Neste caso, os traballos correrán a cargo da empresa Alcomte Galicia, e suporán un investimento de 100.000 euros.

A actuación, financiada con cargo ao POS da Deputación da Coruña, abrangue un tramo de 2,7 quilómetros, dende o cruce de Chorente ao cruce de Neiro, na parroquia de Busto. O prazo de execución das obras é de dous meses.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: