POLÍTICAS SOCIAIS

O programa "Compostela Máis" chegou a preto de 800 persoas dende a súa implantación

08/06/2018 Esta semana celebrouse unha nova xuntanza da Comisión Mixta de seguimento da Ordenanza de Garantía Básica Cidadá Compostela Máis, na que participa persoal técnico e político do Concello. Na xuntanza deuse conta do estado de situación das rendas municipais e das prestacións de rescate social a 1 de xuño deste ano.

A día de hoxe son 502 as persoas beneficiarias do programa Compostela Máis, aínda que, dende a súa entrada en vigor en outubro de 2016, logrouse chegar a preto de 800 persoas. De feito, dende esa data tramitáronse 370 expedientes, dos cales 119 corresponden a rendas de garantía básica Cidadá e os 251 restantes a prestacións por rescate social.

O persoal técnico constata un incremento do 45,10% nos expedientes tramitados. Este aumento débese á maior difusión e coñecemento da existencia destas prestacións por parte do Concello de Santiago, a pesar de que se trata dun programa subsidiario en relación ás prestacións autonómicas.

En total, entre as tramitadas ao abeiro da Ordenanza de Garantía Básica Cidadá e as correspondentes á Lei de Inclusión Social de Galicia (RISGA + AIS), ao longo do ano 2018 concedéronse 303 prestacións sociais (171 autonómicas e 132 prestacións municipais).

Segundo datos da última enquisa sobre a estrutura dos fogares galegos, en Compostela existe un 12,31% de persoas en risco de pobreza. Coa implementación da Ordenanza, o Concello está chegando ao 4,38 % dese total, a pesar de que as prestacións municipais teñen un carácter subsidiario en relación a outras prestacións.

Situación actual
Nos primeiros meses de 2018 tramitáronse 132 novos expedientes, o que ten como consecuencia que, a día de hoxe, haxa 242 expedientes abertos. Deses, 88 corresponden a rendas municipais de garantía básica cidadá e 154 a prestacións de rescate social.

Dentro destas últimas déronse 109 para cobertura de necesidades básicas (52 para manutención, 55 para aloxamento e 2 para contrato de nova vivenda); 21 para habitabilidade, pobreza enerxética e equipamento básico de vivenda; 4 para prestacións complementarias á dependencia ou discapacidade; 3 para gastos excepcionais; 9 para fomentar o dereito a educación para estudos non universitarios e 8 para a saúde bucodental.

En relación ao perfil das persoas solicitantes, a idade media son 45 anos, sendo 83 a idade máxima e 20 a mínima. O 62,4% das persoas beneficiarias son mulleres e o 37,40% homes.

Ordenanza
A normativa municipal inclúe a renda municipal de garantía básica, unha prestación económica extraordinaria e temporal que está vencellada a un itinerario de inclusión cidadá, prevista para persoas en situación de vulnerabilidade social ou en situación ou risco de exclusión social. O obxectivo pasa porque cada persoa poida facer real e efectivo o seu dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios. Poden acceder a ela as persoas maiores de 18 anos, empadroadas en Santiago e que se atopen en situación de vulnerabilidade social. As contías a percibir irán dos 523,51 euros ata os 798,58.

As prestacións de rescate social son un conxunto de prestacións económicas de carácter extraordinario e puntual, subsidiarias e complementarias dos servizos sociais previstos na lexislación vixente, destinadas a atender situacións de urxencia sobrevidas que afecten a persoas ou unidades de convivencia que non poidan facer fronte a necesidades básicas. Para este caso tamén se modifican os requisitos de acceso, reducindo a tres meses o tempo mínimo de empadroamento e simplificando a xestión.

Compostela Máis recolle cinco tipos de prestacións. Por un lado, prestacións para a cobertura de necesidades básicas como alimentación diaria, vestido, aloxamento e habitación, coidados básicos, etc., ata un máximo de 399,38 euros, cubrindo o 75% do alugueiro como máximo ou o 100% no caso de non existir ningún outro recurso. Outras son as prestacións de habitabilidade e pobreza enerxética e equipamento básico de vivenda, que inclúen débedas por subministro de luz ou gas, débedas da comunidade de propietarios, por endebedamento previo…

O terceiro tipo de prestacións son as prestacións complementarias ás dependencias ou discapacidades, que son gastos asociados ás axudas técnicas que precise unha persoa en situación de dependencia ou con discapacidade valorada pola administración competente. Excepcionalmente, outorgaranse tamén axudas para próteses oculares ou auditivas por problema sanitario e non estético, diagnosticadas por facultativo do sistema público de saúde. Ademais, incorpóranse dúas novas prestacións, a de fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios, onde se cobren gastos de manutención, transporte, etc., e as prestacións para saúde bucodental. Dentro destas últimas entrarían limpezas, empastes, endodoncias.

Direccións relacionadas



Compartir: