ACCIÓN CULTURAL

Música, presentacións e múltiples actividades para a rapazada, na penúltima xornada da SELIC

08/06/2018 A II Semana do Libro de Compostela retoma este sábado o horario estendido de 11:00 a 21:00 horas. Coa apertura das portas da carpa da Quintana, arranca a sesión do Club de Lectura Aberto arredor de Culpable, o poemario polo que a escritora ordense Eli Ríos gañou o Premio López Abrente de poesía.

Ás 12:00 h, ATravés Editora presenta a súa nova colección de ensaio, Alicerces, amais dos dous volumes cos que esta inicia andadura. Trátase de Sobre a eutanásia. Quando decidir que uma morte é vital, de Brais Arribas, e Confio-te o meu corpo. A dramaturgia pós-dramática, de Afonso Becerra de Becerreá. O acto contará coa presenza de ambos autores e da directora da colección, Teresa Moure.

Ao mesmo tempo, o mestre e escritor Carlos Callón enceta no convento de San Domingos de Bonaval o paseo literario "Homosexualidade en Compostela na Idade Media", que organiza a Agrupación Cultural O Galo. Neste itinerario, o autor ribeirense conduce aos paseantes por parte dos achádegos da súa tese: "As relacións sexoafectivas intermasculinas e interfemininas no trobadorismo galego".

Outra presentación pecha as actividades paralelas da mañá. Ás 13:30 horas, a libraría El Faro de los Ttres Mundos dá a coñecer aos asistentes á SELIC a Biblioteca de Teatro de Kalandraka, unha colección que a editora arrancou en 2017 coa publicación de tres das obras máis representativas da compañía teatral Chévere: Río Bravo, Annus Horríbilis e Eroski Paraíso. A primeira delas, Río Bravo, vén de ser premiada na Gala do Libro de 2018 na categoría de mellor texto teatral. Trala presentación, os Chévere actúan na SELIC para facernos rematar entre risos a xornada literaria matinal.

Malia que carpa e os postos de venda de libros se manteñen abertos para que ninguén fique sen poder mercar, as actividades complementarias non volven até as 17:00 horas. Daquela, a editora lisboeta Orfeu Negro expón no Espazo Efémero as súas coleccións e proxectos. Xurdida en 2007 e especializada na publicación de ensaios arredor das artes contemporáneas, Orfeu Negro ampliou progresivamente a súa área de traballo co lanzamento en 2008 da serie Mini Orfeu, unha colección de libros fermosamente ilustrados para miúdos e grandes. A esta seguiulle a estrea en 2010 da colección Casimiro, que a editorial define como unha escolma de "títulos inusitados para xente madura e extravagante".

A rapazada convértese en protagonista da SELIC en boa parte das actividades a seguir. Ás 18:00 horas, a Libraría Palacios promove a presentación e sinatura do álbum ilustrado, Manuela, da Editorial Bolanda, cos textos de R.J. Peralta e ilustracións de Blanca Millán. Ás 18:30 h, Urco Editora convoca a Eli Ríos para unha sesión de contacontos sobre a vida e os libros de María Victoria Moreno. E ás 19:00 horas, a agrupación de educación e dinamización sociocultural Xandobela representa para as petisas e petís Pan e auga? Sopas!, contiños do avó Casiano, sementados de cantigas populares e tradicionais, gastronomía galega, enredos e brincadeiras.

Xa para público xeral, a Libraría Lenda abeira ás 19:30 horas a presentación do poemario Tundra, de Carlos Negro, co que o escritor lalinense gañou o XVI Premio de Poesía Fiz Vergara en 2016 e que en 2017 editou Espiral Maior.

A axenda do sábado pecha ás 21:30 horas coa última sesión da OFF SELIC na praza da Quintana. Desta volta, o mestrado e alumnado da Escola de Música Popular e Avanzada (EMPA) de aCentral Folque ofrécennos un recital arredor da música tradicional e popular galega.

Compartir: