XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras de reurbanización de Castrón Douro e Patio de Madres

08/06/2018 A Xunta de Goberno adxudicou este venres o contrato das obras de reurbanización das rúas Castrón Douro e Patio de Madres, unha das actuacións incluídas no programa ReVive Santiago. A actuación custará 1,1 millóns de euros, procedentes de fondos europeos vinculados á EDUSI. Dela encargarase a empresa Alcomte Galicia.

A alcaldesa en funcións, María Rozas, lembrou que a reurbanización de Castrón Douro e Patio de Madres é "unha das actuacións máis importantes das incorporadas á EDUSI, e unha das obras máis demandadas pola cidadanía". A concelleira lembrou "os graves problemas de accesibilidade que presenta Castrón Douro, con beirarrúas moi estreitas que dificultan enormemente o paso de cadeiras de rodas ou mesmo de carros de bebés, e con vivendas ás que só se pode acceder a través de chanzos porque están a un nivel máis baixo que a calzada". Ademais, apuntou que "a calzada presenta tamén un enorme deterioro, porque o seu material non soporta ben o tránsito continuo de vehículos".

Reurbanización integral
A actuación adxudicada hoxe, cun prazo de execución de 18 meses, aféctalle ao tramo de Patio de Madres e a rúa de Castrón Douro ata o cruce con Curros Enríquez, cunha superficie total de 4.200 metros cadrados. Posteriormente está prevista unha segunda fase, que se afrontará con fondos propios do Concello.

O proxecto de reurbanización contempla o rebaixe da rasante da rúa, nalgúns puntos ata un metro, de xeito que se permitirá que moitas vivendas que actualmente están por debaixo do nivel da calzada queden por riba dese nivel. Deste xeito, mellorarase a accesibilidade, e evitaranse os problemas de acumulación de auga que se producen na actualidade en época de chuvias. Ademais, ampliaranse notablemente as beirarrúas, o que obrigará a suprimir prazas de aparcamento. Si se manterán unha zona de carga e descarga e unha área para paradas dun máximo de 10 minutos.

A actuación contempla ademais a substitución do pavimento actual da calzada por formigón, e a creación de zonas estanciais con pavimento de pedra, unha delas á altura do regato do Cancelón.

A alcaldesa en funcións explicou que "o obxectivo do Goberno é que as obras comecen ao longo do verán", e salientou que esta actuación "permitirá que a rúa de Castrón Douro e Patio de Madres pase a estar máis pensada para as persoas e menos para os coches".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: