ALCALDÍA

María Rozas recibiu a Finn E. Kydland, Premio Nobel de Economía en 2004

07/06/2018 A alcaldesa accidental, María Rozas, recibiu a Finn E. Kydland, Premio Nobel de Economía 2004, Finn E. Kydland, que está na cidade no marco do programa ConCiencia, promovido pola USC e o Consorcio de Santiago. O científico asinou no Libro de Honra.

O economista noruegués recibiu o Premio Nobel en 2004 polas "súas contribucións á macroeconomía dinámica: a consistencia temporal da política económica e as forzas impulsoras detrás dos ciclos económicos". Finn E. Kydland mostrou que as políticas económicas a miúdo están infestadas de problemas de inconsistencia temporal. Demostrou que a sociedade podería beneficiarse dun compromiso previo coa política económica e presentou novas ideas sobre o deseño da política económica e as forzas impulsoras detrás dos ciclos económicos.

O Premio Nobel de Economía pronunciará este venres unha conferencia titulada "Política económica e o crecemento dos ingresos das nacións". Será ás 12:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

Na visita tamén participaron, entre outros/as, o profesor Jorge Mira; a decana da Facultade de Económicas, Emilia Vázquez; o conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo; e o presidente da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras, Jaume Gil. Este último tamén asinou no Libro de Honra.

Compartir: