DEPORTE

A olímpica Carolina Rodríguez amadriña o V Torneo Viravolta-Jael de Ximnasia Rítmica, que se celebra este domingo en Sar

07/06/2018 Preto de 600 ximnastas escolares de 23 clubs procedentes de toda Galicia participarán este domingo 10 de xuño no V Torneo Viravolta-Jael de Ximnasia Rítmica, que promove o club compostelán co respaldo das federacións galega e española de ximnasia. Os detalles do evento foron presentados esta mañá pola concelleira de Deporte, Noa Morales; a presidenta do Club Viravolta, Wendy Rey, e o patrocinador do evento, Chema Fernández, de Jael Xoiería.

O torneo, de marcado carácter solidario, recibirá ademais cinco das mellores atletas españolas desta disciplina, que participarán en exhibicións e compartirán as súas experiencias coas mozas ximnastas galegas. A olímpica Carolina Rodríguez encabeza este grupo como madriña do torneo, que contará tamén con Sara Llana, Paula Serrano, Olatz Rodríguez e Polina Berezina.

Deporte de base
Noa Morales destacou que este evento deportivo, que se celebrará este domingo no Multiúsos Fontes do Sar, "supón unha forma de promover o deporte de base, concretamente no campo da ximnasia rítmica". A edila incidiu na "importancia que ten fomentar a práctica deportiva dende idades temperás e coidando a canteira, para garantir a pervivencia deste deporte para xeracións vindeiras".

Ademais do apoio do Concello de Santiago e de Jael Xoieiría, as persoas organizadoras acadaron máis de 15 patrocinadores máis, "o que permitirá que toda a recadación obtida o domingo se destine integramente á Fundación Andrea, para apoiar os seus programas en beneficio dos nenos con enfermidades crónicas ou de longa duración", segundo explicou Wendy Rey.

Chema Fernández amosou a súa satisfacción por colaborar un ano máis co club Viravolta, que "trata moi ben o deporte de base, buscando a calidade e non a cantidade e tratando moi ben tamén as ximnastas que forman parte do equipo".

Horarios
As competicións desenvolveranse a partir das 9:00 horas nas categorías sénior, cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín. Finalizará sobre as 14:00 horas cun desfile e entrega de trofeos. O torneo contará con xuízas da categoría de Marta Bobo, mítica ximnasta olímpica galega, Elena Sierra, Sandra Estrada e Marián Fernández.

A tarde resérvase para a celebración dunha gala na que ximnastas de varios clubs ofrecerán ao público os seus mellores exercicios. Comezará ás 17:30 h e nela participarán as ximnastas da Selección Española Sara Llana, Paula Serrano, Olatz Rodríguez e Polina Berezina, que ofrecerán exhibicións e compartiran coas atletas galegas as súas experiencias nos escenarios internacionais. Pechará a gala Carolina Rodríguez, diploma olímpico nos últimos Xogos.

Tamén se buscará fomentar a ximnasia rítmica masculina reunindo en Compostela a todos os nenos que forman parte desta disciplina. "Aínda queda moito camiño por percorrer, pero en Galicia contamos cun dos números máis elevados de fichas masculinas", sinalou Wendy Rey.

Compartir: