POLÍTICAS SOCIAIS

O Teatro Principal acolle este venres a estrea do proxecto "Común-Artes"

07/06/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou esta mañá o proxecto Común-Artes, que se estreará este venres 8 de xuño, a partir das 20:00 horas, no Teatro Principal. Na rolda estivo acompañada do director xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López e da directora do espectáculo, Carlota Pérez.

Trátase dun proxecto comunitario de inclusión social a través das artes que leva o nome de Comun-Artes. Este traballo afonda arredor da reflexión sobre inclusión, diversidade e discapacidade. "Ao longo de varios meses -sinalou Concha Fernández- traballaron con persoas con e sen diversidade funcional e con cinco artistas de diferentes disciplinas arredor da exposición de novos valores artísticos e sobre a relación home-natureza".

Xaquín López sinalou que este tipo de espectáculos deben "marcar o camiño a seguir na nosa programación cultural, para que teñamos propostas cada vez máis inclusivas". De feito os homes e mulleres que participan no evento levan máis de tres meses preparando o espectáculo no Auditorio de Galicia.

O traballo está baseado na exposición do Premio para Novos Artistas do Auditorio, do cal tomaron como referencia catro pezas sobre as que elaboraron este proxecto. A dirección corre a cargo de Carlota Pérez, quen sinalou que "xa podemos recoñecer que calquera persoa con diversidade funcional pode formar parte do proxecto que se propoña". A dirección musical do espectáculo corre a cargo de Óscar Pérez e a audiovisual de Lara Bacelo. A música está creada especificamente para este evento.

Na rolda tamén estiveron dous dos protagonistas, Leo Rodríguez, que foi axudante de dirección e Elvis García, quen destacou que "cada un de nós somos un punto no mapa e ese mapa só está completo se participamos todos". O espectáculo está formado por 28 persoas, das cales 23 saen a escena e o resto forman parte do mesmo con outro tipo de traballos.

Compartir: