ACCIÓN CULTURAL

A poética en feminino, a pegada de Fermín Bouza Brey e a relación entre Galicia e Portugal centran o xoves da SELIC

06/06/2018 Este xoves, a carpa literaria da Quintana volverá abrir as súas portas ás 17:00 horas para tentar á veciñanza e aos/ás visitantes de Compostela coas novidades editoriais galegas e con múltiples actividades paralelas que transcenden o modelo tradicional de feira. Nesta sétima xornada, a Mesa pola Normalización Lingüística chega ao Espazo Efémero da SELIC para dar a coñecer as súas publicacións, iniciativas e proxectos na a promoción e defensa do uso do galego.

A seguir, ás 18:00 horas a libraría Chan da Pólvora ofrécenos un xogo metaliterario coa presentación do poemario Não tenho culpa de viver, unha plaquette, con oito poemas asinados pola filósofa Ana Brower, a protagonista da última novela de Teresa Moure. A escritora monfortina é a encargada de presentar este novo libro, que estende a historia e a vida de Ana Brower alén das páxinas de Un elefante no armario.

A proximidade cultural entre Portugal e Galicia serve de eixo argumental para o debate "Sepáranos tanto o que nos une", que arrinca ás 18:30 horas. Unha iniciativa da Câmara de Póvoa do Varzim, na que interveñen e departen Teresa Moure, Suso de Toro, Rui Zink e Marta Bernardes. Dúas voces ben coñecidas da escrita galega fronte outras dúas da lusa, moderadas por Carlos Quiroga, escritor e profesor de Literaturas Lusófonas na Universidade de Santiago de Compostela.

Ás 19:30 horas é a quenda para a sesión Palabras vivas. Voces poéticas en feminino, unha lectura dramatizada de poesías de autoras galegas sobre unha base musical, acompañada dunha proxección de imaxes ilustrativas. Nela interveñen Eli Barreiro, Marina Nieto e Fortunato Rodríguez.

Á mesma hora comeza, no número 43 da rúa do Vilar, o paseo literario dedicado á figura de Fermín Bouza Brey. O poeta Antón Lopo guía os/as paseantes polos espazos que o autor de Nao senlleira ou Seitura habitou tras ser expulsado da maxistratura a comezos dos anos 50 polo seu posicionamento galeguista.

Compartir: