DEPORTE

O circuíto Trail Galaica reunirá preto de 250 atletas no Monte Pedroso

06/06/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá o Circuíto Trail Galaica 2018 Santiago - Monte Pedroso, que reunirá a centos de persoas este domingo na Granxa do Xesto. Na rolda estivo acompañada de Iván Sanmartín, delegado da Federación Galega de Atletismo en Compostela; Ricardo Senda, representante de Imaxson, e Miguel Anxo Nogueira, do club Noitebra.

Trail Galaica é un circuíto de trails de montaña que se están levando a cabo dende febreiro deste 2018 nos montes galegos. De momento desenvolveuse en Ames, Muros, Pantón e A Pobra. Trata de enxalzar, a partir dunha actividade deportiva denominada trail running, os montes galegos, e poñelos en sintonía cos deportistas que participen no circuíto.

Co lema "Será por monte", "o que se busca é visibilizar que practicamente en todos os concellos de Galicia temos un monte ou penedo significativo, como no caso de Santiago co Pedroso ou con outros como o Gaiás ou o Viso", tal e como sinalou Noa Morales.

Iván Sanmartín apuntou que "aínda que este tipo de eventos deportivos se levan celebrando 14 anos no Estado, en Galicia son moi recentes a nivel federativo". Nesa mesma liña se pronunciou Miguel Anxo Nogueira, quen asegurou que "esta primeira edición supón recuperar unha proba que xa organizamos hai moitos anos e que esperamos teña continuidade".

O representante da empresa organizadora Imaxson, Ricardo Senda, incidiu en que, ademais de fomentar o deporte, este Trail permite "amosar as paisaxes e gastronomía da zona, xa que as persoas participantes tamén adoitan quedarse a comer na cidade".

Dúas modalidades
O circuíto inclúe dous percorridos, un Minitrail de 16 km e un Trail de 24 km, para que as persoas participantes poidan elixir en función do nivel de dificultade e de preparación. A inscrición, que xa supera as 200 persoas, está aberta ata as doce da noite do día de mañá xoves. O prezo é de 10 euros no caso do Minitrail e de 15 no Trail.

Direccións relacionadas



Compartir: