DEPORTE

Compostela, sede este sábado do XX Maratón Urbano organizado por Special Olympics

06/06/2018 A praza do Obradoiro será o lugar central da XX edición do Maratón Urbano de Special Olympics, que reunirá na popular localización compostelá a preto de 300 persoas. O evento foi presentado esta mañá pola concelleira de Deporte, Noa Morales; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o xerente de Aspas, Javier García, e ao atleta Jesús Cabo.

Trátase dun circuíto urbano que cada ano se celebra nunha localidade galega "tomando nesta ocasión o relevo de Viveiro ou Vilagarcía, que organizaron a proba en 2017 e 2016", tal e como sinalou Noa Morales. A edila amosou a súa satisfacción por "ser sede deste maratón urbano e continuar colaborando con Special Olympics nos actos que organiza ao longo do ano, como os xogos de atletismo, as marchas ciclistas ou o certame de tarxetas de Nadal".

Javier García destacou que "é a primeira vez que este maratón ten lugar en Santiago" e amosou a súa "satisfacción porque Special Olympics volva contar con Aspas para organizar un evento desta índole". Pola súa banda, Eladio Fernández incidiu no espírito de superación destas probas, "onde os atletas amosan que poden realizar calquera actividade que se propoñen". Jesús Cabo, que adestra co club Urban, sinalou que "aínda que teño rematado probas de 10 km, desta vez animareime coa modalidade de quilómetro e medio".

Contará coa participación de 185 deportistas con discapacidade intelectual de toda Galicia, que estarán acompañados por 52 adestradores. En total son 18 as asociacións participantes, das cales 6 proveñen da provincia de Lugo, 5 de A Coruña, 4 de Ourense e 3 de Pontevedra. Ao comezo da proba, un atleta da Asociación Aspas lerá o lema dos deportistas de Special Olympics: "Quero gañar mais se non o acado, deixádeme ser valente no intento".

Desenvolvemento dos Xogos
Os Xogos seguirán as regras básicas dos eventos deportivos organizados por Special Olympics, establecéndose tres niveis de participación en función dos coñecementos que os/as deportistas teñen das regras, así como das súas capacidades físicas. Así, haberá un maratón de nivel 1, 2 e 3 con 4.000, 1.500 e 800 metros de percorrido respectivamente. Tamén existe a modalidade adaptada, con 300 metros de lonxitude da proba.

A inauguración será ás 10:45 horas, coa presenza de representantes do Concello de Santiago, acompañados por directivos de Aspas, d Fademga Plena Inclusión Galicia e de Special Olympics Galicia. As probas darán comezo ás 12:00 e rematarán arredor das 14:30 horas.

Premio ás boas prácticas
Finalizados os xogos, levarase a cabo a entrega do Premio ás Boas Prácticas no Deporte, destinado a enxalzar o comportamento daquela entidade que destaque pola súa deportividade.

Cada entidade dispón dun único voto, que efectúa un deportista en nome de todos os compañeiros e compañeiras. O premio pretende valorar unha serie de boas prácticas, entre as que se inclúen o cumprimento das normas, a nobreza na práctica deportiva ou o xogo limpo.

Special Olympics
Special Olympics Galicia é unha organización sen ánimo de lucro creada no ano 2000, por acordo de 17 asociacións das diferentes provincias galegas. Os obxectivos da organización son a promoción e a inserción social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.

Pola súa banda, Fademga Plena Inclusión é unha entidade constituída como asociación e que aglutina a 40 entidades de familiares e profesionais de persoas con discapacidade intelectual de Galicia. Entre os seus obxectivos destaca a consecución dunha plena integración social, laboral e familiar das persoas con discapacidade intelectual, o fomento da constitución de asociacións, a divulgación de información xeral e/ou especializada que poida ser de interese ou a denuncia dos casos que vulneran os dereitos das persoas con discapacidade intelectual ou das entidades.

Compartir: