MEDIO RURAL

Comezan os traballos de roza nos viarios e fincas de titularidade municipal

06/06/2018 O próximo luns, 11 de xuño, comezará a primeira fase dos traballos de roza dos viarios municipais, á que se destinarán 110.000 euros. Tamén ao longo da próxima semana empezarase a actuar nas fincas de titularidade municipal.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial presentou hoxe o calendario dos traballos de roza, que inclúe as pistas pavimentadas da zona rural, as parcelas de titularidade municipal, e as zonas urbanas e os barrios. Rafael Peña explicou que nunha primeira fase destinaranse 150.000 euros a estes traballos. O groso dese orzamento, 110.000 euros, será para os traballos nas pistas rurais.

Os traballos comezarán o próximo luns en Laraño, onde se prevé que os equipos permanezan durante tres días. Despois acometeranse as rozas en Villestro, Figueiras, A Peregrina, San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha. Rafael Peña explicou que "os labores de roza comezan polas parroquias do sur, porque as súas condicións meteorolóxicas favorecen un maior crecemento da vexetación". O edil tamén apuntou que "o calendario ten en conta a celebración das festas patronais nos diferentes núcleos, para priorizar o adecentamento dos accesos aos campos da festa".

Fincas municipais
Tamén a próxima semana, previsiblemente o mércores, comezarán os traballos de limpeza das fincas municipais, dos que se encargarán dúas empresas de inserción laboral. Haberá un total de catro equipos traballando, co obxectivo de ter finalizadas as rozas a finais do mes de xullo. Ao tempo, o Concello utilizará o tractor da brigada municipal para afrontar as limpezas precisas en zonas urbanas e nos barrios.

En canto ás fincas privadas, o concelleiro de Medio Rural agradeceu a sensibilidade que está a mostrar Ferusa, a Federación das Asociacións de Veciños do Rural, para "animar ás persoas propietarias a que manteñan as súas parcelas en bo estado, e para denunciar cando non o fan". Rafael Peña explicou que o Goberno ten remitidas máis de 150 notificacións a donos e donas de fincas para solicitar a súa limpeza, e recoñeceu as dificultades que supoñen estes trámites, porque "moitas parcelas son herdanzas de varios propietarios e propietarias ou non teñen un titular localizado".

O concelleiro de Medio Rural incidiu tamén en que "as rozas das cunetas que acomete o Concello non teñen como obxectivo prioritario prever incendios, porque os lumes non se orixinan maioritariamente nestes espazos, senón nas masas forestais, onde non temos competencias". Rafael Peña lembrou que "a zona máis sensible de Santiago no que ten que ver cos incendios é a de Figueiras e Villestro, onde segue sen realizarse a concentración parcelaria e, polo tanto, nin hai pistas forestais que faciliten a extinción dos lumes, nin todas as parcelas teñen un propietario identificado ao que reclamar o bo mantemento das fincas".

Compartir: