ACCIÓN CULTURAL

Preséntanse a colección "Liñas Paralelas", a segunda entrega dos libros da SELIC

05/06/2018 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá en rolda de prensa a colección de contos Liñas Paralelas, que este ano pasa a engrosar o catálogo de publicacións editadas baixo o selo SELIC. Fíxoo na compaña do escritor, actor e tradutor Pepe Sendón, responsable da iniciativa de espallamento literario da que a colección toma o seu nome.

Dende o inicio de Liñas Paralelas en 2016, Sendón levou por Compostela relatos da literatura universal de todas as épocas e interpretounos en vivo cun coidado acompañamento musical. Algúns deles toman agora fora de libro por iniciativa da Concellaría de Acción Cultural que colabora coa Radio Galega para acompañalos tamén da versión auditiva dos textos.

Cinco dos libros reúnen coñecidos relatos escritos até principios do século XX e traducidos á nosa lingua polo propio Sendón. Baixo os títulos Asuntos de defuntos, Contos macabros, Contos no espello, Crimes imperfectos e Terapias de parella, compilan contos de Guy de Maupassant, Valle-Inclán, W.F. Harvey, Hans Christian Andersen, Nathaniel Hawthorne, Edgar Allan Poe, Franz Kafka, Guillaume Appolinaire, Anton Chekhov e Marcel Proust, entre outros.

A colección Liñas Paralelas complétase cun sexto volume que recupera a vontade da primeira colección dos libros da SELIC e busca servir, dun xeito modesto, de caixa de resonancia para escritoras e escritores relacionados coa cidade. Así, Contos composteláns reúne relatos de Ramón Caride Ogando, Salvador García-Bodaño, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Gonzalo Navaza e Helena Villar Janeiro, cos que o público da SELIC seguirá a ler e pasear Compostela.

Os audiolibros da colección contan coa interpretación de Pepe Sendón e coa ambientación de Marcos Teira á guitarra, Nenoescuro (Rafa Xaneiro) á electrónica e Suso Alonso ao piano. Foron gravados, editados e mesturados por Antonio Vázquez e están xa a disposición do público na web da SELIC.

A colección Liñas Paralelas, que Novoneyra e Sendón presentarán esta tarde, ás 17:30 h, no Espazo Efémero da carpa Quintana, reivindica a posta en valor do conto como xénero literario amplo e cheo de sorpresas.

O martes da SELIC
A axenda da SELIC do martes inclúe outras citas de interese. Ás 18:30 horas, Urco Editora propón ás rapazas e rapaces un obradoiro con Eva Agra, ilustradora da colección Mulleres bravas da nosa historia, que achega aos/ás máis pequechos/as figuras como María Victoria Moreno, Maruja Mallo, Xulia Minguillón ou Rosalía de Castro.

Ás 19:00 horas, Alvarellos Editora presenta o libro El gran viaje de estudios de García Lorca, no que o poeta granadino e o seu compañeiro Luis Mariscal compoñen unha fermosa crónica da viaxe de estudos que Lorca realizou en 1916 canda o seu profesor Martín Domínguez Berrueta e varios compañeiros máis por Castela, Galicia e León, e que o conduciu a abandonar un prometedor futuro na música para volverse escritor. O volume reúne o relato de Mariscal coas cartas de Lorca e tece un documento excepcional nunca publicado até hoxe. A proposta de Alvarellos complétase cunha representación teatral do texto por conta da compañía Kalamburu.

A xornada pecha ás 20:00 horas con outra das sesións promovidas pola Câmara Municipal Póvoa de Varzim, cidade convidada da SELIC en 2018, que nos deleita nesta ocasión coa música de Carlos Costa e a voz de Aurelino Costa.

O programa do mércores
A II Semana do Libro de Compostela continúa o mércores con novas actividades paralelas. Ás 18:30 horas, a carpa da Quintana acolle a sesión Contos do mundo. As viaxes de Irene, unha sesión de contacontos para coñecer da man da nena Irene, filla de cooperantes, a situación de distintos lugares onde ten presenza a Cooperación Internacional de SIG (Solidariedade Internacional Galicia), como América Central, os campamentos de refuxiados saharauís, Senegal, a rexión andina ou Oriente Próximo.

Ás 19:00 horas, a Libraría Lenda promove a presentación da viaxe pictopoética In tempus veritas, cinco poemas de Xabier Ron gravados por Xosé Poldras e musicados por Xosé Antonio Ferreira.

Media hora despois, Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago presentan a edición facsimilar de La lámpara maravillosa. Ejercicios espirituales, de Ramón María del Valle-Inclán, un fermoso libro publicado orixinalmente en 1916, e ilustrado por José Moya del Pino, onde forma e fondo dialogan á perfección.

Esta edición de 2018, preséntasenos como unha autobiografía do autor quen, fascinado polo ocultismo, desexa transitar por novos vieiros creativos. Séntese peregrino e sitúa en Santiago de Compostela (a súa "rosa mística de pedra") ese lugar onde o tempo se fai eternidade. O volume enriquécese cun estudo a cargo da profesora Olivia Rodríguez-Tudela, fotografías de época do autor e un prólogo do profesor Xaquín del Valle-Inclán Alsina, neto do escritor. Na presentación intervirán a profesora Olivia Rodríguez; o neto do autor e tamén escritor, Xaquín del Valle-Inclán; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de publicacións desta institución, Juan Conde, e o editor Henrique Alvarellos.

Pecha a axenda do día a Librería Lenda coa presentación do libro Atlas dos Hórreos de Galicia, de Carlos Regueira Méndez, unha guía visual e divulgativa que cataloga case 10.000 exemplares de hórreos galegos, a terceira parte dos que existen no país.

Direccións relacionadas



Compartir: