TURISMO

Santiago acollerá o XXVI Congreso da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, con 2.500 participantes previstos

04/06/2018 O Pazo de Congresos acollerá do 16 ao 18 de maio de 2019 o XXVI Congreso da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, no que está previsto que participen arredor de 2.500 persoas. A confirmación da celebración deste congreso tivo lugar esta pasada fin de semana en Valencia, durante o evento deste ano.

O Santiago de Compostela de Convention Bureau (SCCB), servizo de Turismo de Santiago para promocionar a cidade como destino para congresos, participou neste último Congreso da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia en Valencia para presentar a cidade aos participantes. O SCCB estivo acompañado do Pazo de Congresos e contou co apoio da empresa Logi Events para a montaxe do stand informativo.

A confirmación deste Congreso para o primeiro semestre do 2019 continúa coa tendencia positiva do sector congresual que comezou hai un par de anos. Neste ano celebraranse importantes eventos e congresos, que servirán para dinamizar o sector en diferentes momentos do ano. Só entre os seis principais congresos e eventos que se celebrarán este ano chegarán a Santiago máis de 6.000 participantes.

Os principais eventos deste 2018 son: Campionato do Mundo de Xadrez Infantil, que se celebrará do 3 ao 18 de novembro e ao que asistirán unhas 3.000 persoas, cun impacto económico estimado duns cinco millóns de euros; XXXV Congreso Nacional de Enfermería de Saúde Mental; Prion 2018 (Congreso Internacional do Sector da Medicina Molecular); EDF Congress 2018 (Congresos dos Produtores Lácteos Europeos); 49 Congreso Nacional de Podoloxía; e V Congreso Nacional de Áridos.

A previsión é que esta tendencia positiva mellorará incluso no 2019, no que, ademais do Congreso da Sociedade Española de Médicos Xerais, xa están confirmados outros cinco congresos médicos de máis de 1.000 participantes, outros tres congresos de máis de 500 participantes que se celebrarán no primeiro cuadrimestre, fomentando a desestacionalización da demanda, e outros tres congresos europeos que terán entre 300 e 800 participantes.

Compartir: