ACCIÓN CULTURAL

Seguen as presentacións e os obradoiros nunha nova xornada da SELIC

04/06/2018 A II Semana do Libro de Compostela abre a axenda do martes coa presentación dunha nova serie de libros editados especialmente para o ocasión e baixo o selo da feira. O Espazo Efémero da carpa instalada na Quintana é o lugar elixido para dar a coñecer seis novos volumes que se artellan arredor do proxecto literario Liñas Paralelas, de Pepe Sendón, e que toman del o seu nome.

Escritor, actor, músico e tradutor galego, Sendón enceta en 2016 esta iniciativa de espallamento literario que escolma relatos da literatura universal de todas as épocas para interpretalos publicamente cun coidado acompañamento musical. Das case 50 sesións monográficas que realizou dende o inicio deste proxecto en Compostela, a Concellaría de Acción Cultural fai unha pequena selección que fía nesta edición especial e colabora coa Radio Galega para acompañalas tamén da versión auditiva dos textos.

Cinco dos libros reúnen coñecidos relatos escritos até principios do século XX e traducidos á nosa lingua polo propio Sendón. A colección Liñas Paralelas complétase cun sexto volume Vontos composteláns, que recupera a vontade da primeira colección dos libros da SELIC e busca servir, dun xeito modesto, de caixa de resonancia para escritoras e escritores relacionados coa cidade.

A colección Liñas Paralelas reivindica a posta en valor do conto como xénero literario amplo e cheo de sorpresas que Sendón, parafraseando a Rafael Dieste, define como "un remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz".

Outras citas do martes
A axenda do martes inclúe outras citas de interese. Ás 18:30 horas, Urco Editora propón ás rapazas e rapaces un obradoiro con Eva Agra, ilustradora da colección Mulleres bravas da nosa historia, que achega aos máis pequechos figuras como María Victoria Moreno, Maruja Mallo, Xulia Minguillón ou Rosalía de Castro.

Ás 19:00 horas, Alvarellos Editora presenta o libro El gran viaje de estudios de García Lorca, no que o poeta granadino e o seu compañeiro Luis Mariscal compoñen unha fermosa crónica da viaxe de estudos que Lorca realizou en 1916 canda o seu profesor Martín Domínguez Berrueta e varios estudantes por Castela, Galicia e León e que o conduciu a abandonar un prometedor futuro na música para volverse escritor. O volume reúne o relato de Mariscal coas cartas de Lorca e tece un documento excepcional nunca publicado até hoxe. A proposta de Alvarellos complétase cunha representación teatral do texto por conta da compañía Kalamburu.

A xornada pecha ás 20:00 horas con outra das sesións promovidas pola Câmara Municipal Póvoa de Varzim, cidade convidada da SELIC en 2018, que nos deleita nesta ocasión coa música de Carlos Costa e a voz de Aurelino Costa.

Direccións relacionadas



Compartir: