EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Publicadas as listaxes de admitidos/as e de agarda nos obradoiros de verán das escolas infantís municipais

04/06/2018 Xa se coñecen as listaxes de admitidos/as e de agarda nos obradoiros de verán das escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. Ábrese agora, do 1 ao 15 de xuño, o prazo para formalizar a aceptación da praza.

A relación de admitidos/as pode consultarse no documento adxunto. Os pais e nais deberán achegar cuberta a solicitude de aceptación da praza, así como a folla de autorizacións (cos DNI dos autorizado/as). Igualmente, deberán facer efectivo o pago das correspondentes mensualidades.

Estes obradoiros están destinados a nenos e nenas empadroados en Santiago que cursen estudos de 2º ciclo de educación infantil e 1º e 2º de educación primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos. Realizaranse durante o mes de xuño (días 22, 25, 26, 27, 28 e 29), xullo (do 2 ao 31, agás sábados, domingos e festivos), agosto (do 1 ao 31, agás sábados, domingos e festivos) e setembro ( dende o día 1 ata o comezo do curso escolar 2018-2019). As familias poden escoller entre varias modalidades.

O horario dos obradoiros de verán será de 10:00 a 14:00 horas, coa posibilidade de que as familias soliciten ademais un servizo de almorzo (de 9:00 a 10:00 horas), un servizo de comedor (de 14:00 a 15:00 horas) e horas a maiores (entre as 7:30 e as 10:00 e entre as 14:00 e as 16:00 horas).

Hai un total de 45 prazas dispoñibles, a razón de 15 por cada unha das tres escolas infantís municipais. Os obradoiros desenvolveranse nas propias escolas, agás no mes de agosto, no que se concentrarán na Escola Infantil Municipal de Conxo.

Tarifas
As tarifas dos obradoiros van dende os 12 euros dos días soltos ata os 125 euros dun mes completo. De precisarse outros servizos ofertados, o prezo dos almorzos oscila entre os 2 euros dos días soltos e os 30 euros do mes completo, mentres que o custo do comedor oscila entre os 5 euros (día solto) e os 75 euros (mes completo). As horas soltas fóra do horario dos obradoiros teñen un prezo de 3 euros, que serían 15 no caso da tarifa mensual.

Compartir: