POLÍTICAS SOCIAIS

Recepción ás persoas afectadas de miastenia que peregrinaron a Santiago

02/06/2018 Este mediodía chegaron á praza do Obradoiro as persoas afectadas por miastenia que percorreron os últimos quilómetros do Camiño de Santiago para darlle visibilidade á enfermidade. O grupo foi recibido no salón nobre do Pazo de Raxoi pola concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández.

A peregrinación foi organizada pola Asociación Miastenia de España (AMES) e comezou o pasado 29 de maio. Na última etapa, este sábado, o grupo estivo acompañado por unha dotación de Soporte Vital Básico do 061 para garantir que o percorrido se completaba sen ningún risco.

Á súa chegada á praza do Obradoiro,o grupo foi recibido pola concelleira Concha Fernández, así como polo presidente en Galicia da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, SEMES, Tato Vázquez Limia. A presidenta da Asociación Española de Miastenia, Pilar Robles, acompañou o grupo e mostrouse convencida de que "esta peregrinación demostra que ás persoas afectadas non se lles acaba a vida co diagnóstico de miastenia, senón que se lles abren outros moitos camiños que deben explorar".

A miastenia grave é unha enfermidade que lle afecta a 10.000 persoas en España, e que provoca debildiade ou fatiga muscular por mor da interrupción da comunicación normal entre os nervios e os músculos. Por iso, as persoas que a padecen poden presentar síntomas en calquera dos músculos que se controlan voluntariamente. A miastenia grave non ten cura, pero o tratamento sí pode axudar a aliviar síntomas como a debilidade de brazos e pernas, as pálpebras caídas ou as dificultades para falar, masticar, tragar ou respirar. A enfermidade é máis frecuente en mulleres menores de 40 anos e en homes maiores de 60.

Compartir: