INFORMÁTICA

Empeza o proceso para a implantación da Administración Electrónica

01/06/2018 Este venres deu comezo o proceso interno para a implantación da Administración Electrónica no Concello de Santiago, cunha primeira xuntanza de coordinación que estivo presidida polo concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, Xan Duro. A empresa adxudicataria informou ao secretario, ao tesoureiro e o vicetesoureiro municipais dos primeiros pasos a dar para lograr a modernización global da xestión municipal. O Goberno destinará máis de 1,8 millóns de euros á nova plataforma.

O obxectivo da xuntanza era fixar un primeiro calendario para a implantación da administración electrónica de forma gradual. Este será o proxecto de mellora da Administración municipal máis relevante da historia recente do Concello de Santiago, e prevese un prazo de dous anos para a súa conclusión total. O obxectivo último é facilitarlle á veciñanza a súa relación coa administración e permitirlle realizar a maioría dos trámites desde as súas casas, de forma telemática.

O proxecto que xa está en marcha permitirá dotar ao Concello de Santiago dunha plataforma de administración electrónica que inclúa unha sede electrónica, un rexistro electrónico e un novo xestor de expedientes. Tamén permitirá modernizar a xestión tributaria e de tesourería ou a xestión do padrón de habitantes.

Compartir: