ACCIÓN CULTURAL

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico celebra a súa 13ª edición do 4 ao 10 de xuño no Museo do Pobo

31/05/2018 A 13ª MICE do Museo do Pobo, que dará comezo o próximo luns 4 de xuño, reuniu esta mañá na súa presentación a Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural; Jacobo Sutil, director da Agadic; Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña; Concha Losada, vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo, e Ana Estévez Lavandeira, directora da 13ª MICE.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, afirmou que a programación da 13ª MICE está "chea de oportunidades para o encontro e para o diálogo que se entretece con outras iniciativas culturais e investigadoras da cidade e do país". Ademais, Novoneyra enumerou tres aspectos fortes da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico: a notoria presenza de autoras de forma transversal en toda a programación, a aposta pola igualdade e o número de proxeccións e estreas que a mostra trae á cidade.

Pola súa banda, Jacobo Sutil, director da Agadic, destacou a importancia da celebración de mostras audiovisuais como a MICE, que "teñen os seus contidos claros e están ben organizados e comunicados". Estas iniciativas son parte fundamental do sector audiovisual "pola difusión do traballo cinematográfico do noso e tamén pola función de formación do público".

Nesa liña, Goretti Sanmartín, responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, recalcou que a MICE "é unha illa que demostra que é posible que cando se poñen as lentes violetas aparecen máis mulleres nos ámbitos da creación, nas actividades paralelas ou nas promocións da Mostra", que este ano realizou a cineasta Sabela Pernas.

A MICE ten como elemento transversal a visibilización das miradas das realizadoras no ámbito do cinema etnográfico. Unha idea que se fai extensa a toda a programación e que se reflicte no enfoque e consolidación de seccións como "Etnografía, muller e cinema", coordinada por Anxela Caramés, e nas actividades paralelas, onde destaca a mesa de debate "Ollares intencionados: en primeira persoa" que este ano modera a directora e investigadora Xisela Franco. Neste enfoque é "onde lle dá importancia ao discurso autobiográfico no que as mulleres teñen tanta presenza nese narrar en primeira persoa ás orixes, os espazos e os modos de vida", explicou Goretti Sanmartín.

Concha Losada, vicepresidenta do Padroado, deu as grazas ás institucións polo apoio á MICE e mostrou a súa ledicia en anunciar unha nova edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. Losada incidiu na función do Museo do Pobo como entidade que promove a cultura de Galicia nun sentido amplo: "de non ser só un contedor de obxectos senón un contedor de vida, un transmisor da nosa historia e un xerador de futuro. Entender a cultura dunha maneira dinámica parécenos que pode ter unha ferramenta excepcional no cinema e nesta Mostra, como xa o demostrara Xaquín Lorenzo 'Xocas', un dos fundadores e primeiro presidente do Museo do Pobo".

Doce filmes a concurso
Por último, a directora da 13ª MICE, Ana Estévez Lavandeira, afondou na programación da Mostra, destacando que a Sección Oficial a concurso traerá a Santiago de Compostela unha selección de doce filmes de dez nacionalidades diferentes que mostran "un panorama completo de traballos audiovisuais actuais feitos no campo da etnografía e a antropoloxía visual".

A MICE acollerá así filmes que chegan á capital galega logo de pasar por festivais do prestixio da Berlinale (Ohne Diese Welt, de Nora Fingscheidt), Visions du Réel (La nuit éclaire la nuit, de Lo Thivolle) ou o ForumDoc de Brasil (Deixa Na Régua, de Emílio Domingos).

Ademais, resaltou a consolidación de seccións como "Etnografía, muller e cinema", que coordina Ánxela Caramés, ou a selección que o Cineclub de Compostela fixo para a sección "Trazas", da que destacou a proxección en Numax da copia restaurada de Trás-os-montes, de Margarita Cordeiro e Antonio Reis.

O público tamén poderá atopar pezas de directoras e directores galegos como Palmira, de Diana Gonçalves; Trinta lumes, de Diana Toucedo; Fisterra: carne de safari, de Olaia Sendón; Cruz Piñón, de Xisela Franco; Nocturno: fantasmas de mar en puerto, de Álvaro F. Pulpeiro; e Os fillos da vide, de Ana Domínguez. Moitos/as deles/as estarán na cidade para a presentación dos seus filmes.

Entrega de premios
A gala de entrega de premios, que se celebrará o sábado 9 de xuño, estará presentada por Apatacón, un proxecto formado por Faia Díaz e Vero Rilo que xunta voz narrada e cantada. Nesta entrega emitirase o fallo do xurado formado por Elisenda Ardévol, Miguel A. Cambrón e Manuel Precedo, que outorgará entre os filmes a concurso da Sección Oficial os premios á Mellor Película Etnográfica e á Mellor Película Galega. Ademais, tamén se fará entregará do Premio do Público, escollido polas votacións das persoas asistentes ás sesións.

Entrada de balde para todas as proxeccións
A directora da 13ª MICE fixo fincapé no carácter gratuíto de todas as actividades. O único preciso para asistir, tanto na sección oficial como nas seccións paralelas, é recollelas con antelación nas billeteiras dos diferentes espazos onde se celebrará a Mostra. As entradas para as sesións no Teatro Principal estarán dispoñibles dende mañá venres 1 de xuño, mentres que as billeteiras do Salón Teatro abrirán o venres 8 de xuño a partir de 16.00h. As sesións e a entrada ás actividades paralelas no Museo do Pobo Galego son de acceso libre ata cubrir aforo.

Direccións relacionadas



Compartir: