CONSORCIO

Unha nova publicación recorda a vida das monxas de San Paio entre 1499 e 1899

10/01/2007 "Informaciones de las monjas que habitaron en el Monasterio de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela desde 1499 á 1899" é o título do libro dunha nova publicación do Consorcio de Santiago, obra de Madre María Mercedes Buján Rodríguez, gran coñecedora dun dos arquivos más ricos da cidade. Nel presenta a orixe, a vida e a linaxe das monxas que pasaron por este mosteiro, moitas das cales pertenceron ás máis nobres familias da fidalguía galega do momento.

Como di nestas páxinas a Madre María Mercedes, as monxas do rural galego, sobre todo a finais do século XV, levaban unha vida moi segrar: non se gardaba o silencio e descoñecían a clausura: "Tiñan que loitar, a brazo partido, contra quen malgastaba os seus bens, que eran sobre todo os comendatarios".

Os Reis Católicos encargan aos monxes de San Bieito de Valladolid a reforma destes mosteiros, e a mellor maneira de facelo é a unión de todos en San Paio de Santiago de Compostela, mosteiro beneditino que daquela xa estaba libre de estudantes. As monxas dos distintos cenobios galegos resístense a obedecer xa que lles pedían demasiado: deixar o convento no que viviran tantos anos, deixar a súa terra, deixar as súas herdanzas, deixar sobre todo a liberdade que tanto querían e que non estaban acostumadas a vivir encerradas. Tampouco toleraban someterse a unha abadesa descoñecida.

Deste xeito, cun primeiro grupo de monxas chegadas de Valladolid, pioneiras da reforma, e as monxas que por propia vontade ou a forza xuntáronse en San Paio o 23 de xullo de 1499, queda erixido en mosteiro feminino o cenobio de San Paio. Segundo di a Madre María Mercedes, o mosteiro quedou fundado, pero o sosego e a harmonía nos claustros non foi doado acadalos. As monxas que obrigadas e forzadas tiveran que deixar os seus conventos non vivían en paz, ata que unha noite fuxiron nove delas. Marcharon a gobernar os seus mosteiros, a arrendar e vender fincas, a vivir, nunha palabra, como donas e non como súbditas. Todo isto ata que en 1515 a comunidade xa está consolidada, vive a súa vida monástica con seriedade e devoción. Co transcurso do tempo, San Paio vai engrosando as súas filas, a comunidade aumenta, chegando a ser 68 monxas, todas pertencentes á alta fidalguía galega.

Os mosteiros que se reuniron en San Paio foron os de San Miguel das Negradas, San Pedro Fiz de Cangas, San Xoán da Cova, San Estebo de Chouzán, San Miguel de Eiré e Santa María de Pesqueiras, de Lugo; San Xulián de Lobios, San Pedro de Lobaes, San Pedro de Ramirás e San Salvador de Sobrado de Trives, de Ourense; e San Pedro de Dozón ou Vilanova de Dozón, San Pedro de Ansemil, San Andrés de Órrea e San Salvador de Alveos, de Pontevedra.

O libro será presentado o xoves 11 de xaneiro, ás 20:30 horas, en San Paio, nun acto ao que asistirán, entre outros, o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a autora do libro, Maria Mercedes Buján Rodríguez.

Compartir: