MOBILIDADE

Tussa asumirá a xestión da ORA e o guindastre o 15 de xuño, cunha nova aplicación para o pago dende o móbil

31/05/2018 A empresa municipal Tussa asumirá a xestión directa dos servizos da ORA e do guindastre o día 15 de xuño, e así lle foi xa comunicado á empresa Setex. Ese día entrará en funcionamento unha nova aplicación para o pago do estacionamento dende o teléfono móbil, Moviltik, que substituirá á actual E-park. Por este motivo, recoméndase a todos os usuarios e usuarias que esgoten o saldo que teñan dispoñible nas vindeiras dúas semanas.

O concelleiro Xan Duro, que vén de asumir as competencias de Jorge Duarte durante o seu permiso de paternidade, foi o encargado de dar conta dos prazos previstos para a xestión directa da ORA e do guindastre e das novidades que a municipalización vai supoñer a curto prazo. O edil estivo acompañado polo xerente de Tussa, José Ramón Mosquera.

Xan Duro indicou que Setex recibiu onte a comunicación na que se lle informa da decisión de que Tussa empezará a xestionar o servizo o vindeiro 15 de xuño. O concelleiro explicou que "a asunción directa atrasarase uns días sobre os prazos inicialmente previstos polas dificultades en cuestións concretas como o traspaso da aplicación para o pago desde o móbil". Por este motivo, optouse por contratar unha nova app, "e consideramos necesario dar un prazo para informar á cidadanía deste cambio, e permitir que os usuarios e usuarias esgoten o diñeiro que tiveran acumulado en E-park, ainda que Setex se comprometeu a devolver o diñeiro non gastado antes do día 15". Xan Duro apuntou que a nova aplicación, Moviltik, "será a utilizada durante un período de transición estimado dun ano, pero a intención é licitar posteriormente o servizo, previsiblemente de forma conxunta coa aplicación no novo contrato do transporte urbano".

Características da nova app
O xerente de Tussa asegurou que a nova aplicación "é moi sinxela e de fácil comprensión para calquera usuario ou usuaria". José Ramón Mosquera explicou que, como ata agora, a app elimina a necesidade de desprazamentos ata o parquímetro para validar o ticket da ORA, pero cun sistema de pago diferente do actual. A principal novidade é que o sistema de E-park "obrigaba a insertar unha determinada carga no monedeiro, o que significaba adiantar os cartos para a súa utilización posterior e que Setex fora depositario inicial do diñeiro". Agora, con Moviltik, os usuarios e usuarias pagarán unicamente polo tempo exacto no que os seus vehículos estean estacionados "sen depositarios, porque o pago vai directamente á tarxeta dos condutores e condutoras". Por iso, a app "conta cunha opción denominada Desaparcar, que os condutores e condutoras teñen que premer cando abandonen a súa praza de xeito que abonarán a cantidade correspondente ao tempo exacto no que estiveron estacionados".

A app Moviltik está dispoñible para a súa descarga nas plataformas Android e Iphone, e estará activa para Compostela a partir do 15 de xuño. Mosquera recoñeceu que "o bo funcionamento da aplicación para o pago dende o móbil é unha das preocupacións de Tussa durante o proceso de municipalización, porque é un sistema que utilizan o 33% dos condutores e condutoras e un asunto polo que se veñen interesando as persoas usuarias reiteradamente nos últimos meses". O xerente de Tussa tamén salientou que esta aplicación "é moi ben valorada polo 85 por cento dos usuarios e ususarias porque é cómoda, sinxela e moi segura".

Período de transición
O concelleiro Xan Duro reiterou que "para o Goberno e para Tussa, os meses do verán serán un período de transición, no que debemos afacernos á xestión directa do servizo, en continuo contacto cos traballadores e traballadoras subrogados aos que hai que agradecer a súa vontade de colaboración desde o inicio do proceso".

O edil apuntou que "a partir do outono traballarase en novos retos para mellorar o servizo, dende o convencemento de que a xestión directa da ORA e do guindastre nos permitirá tomar decisións acordes cun modelo de mobilidade máis sostible e que favorezan á cidadanía de Compostela".

Compartir: