EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Certame de Danza Intercentros leva un ano máis a escena o traballo escolar nesta disciplina

23/05/2018 A Concellaría de Educación e Cidadanía organiza o XIII Certame de Danza Intercentros, Compostela en Danza, que se celebrará o domingo 27 de maio, ás 19:00 horas, na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.

Neste certame de promoción da danza participa alumnado de centros de Infantil e Primaria. Nesta ocasión, os bailaríns e bailarinas proceden dos CEIPs Pío XII, López Ferreiro, Arquitecto Casas Novoa, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, Roxos, Vite I e Mestre Rodríguez Xixirei; e do Colexio San Xosé de Cluny. Os diferentes grupos dos oito centros participantes representarán 20 pezas de diferentes duracións e estilos.

Compostela en Danza permite a posta de longo ante o público do traballo realizado ao longo do curso nestes centros en torno a unha disciplina que resulta moi beneficiosa. Así, nas clases de danza trabállase a musicalidade, o ritmo, a expresión corporal, a elasticidade, a resistencia, a forza, a axilidade, o control corporal, a coordinación, o equilibrio, a corrección postural, a memoria, a sociabilización, a superación da timidez, a relaxación, a confianza ou a autoestima.

As profesoras Beatriz Viñal, Memé Martínez, Sonia Míguez, Patricia Alcalá, Marta Alonso, Paula Quintas, Sandra Valiñas, Antía Corujo, Beatriz Lorenzo e Jessica Montero, e os profesores Javier Magariños e Pablo Reboleiro encárganse destas clases. Segundo o centro escolar, impártense diferentes tipos de danza: pre-danza, clásica, moderna, Bollywood, moderno-teatral, jazz, neoclásica...Todas estas modalidades estarán representadas no espectáculo deste domingo.

Documentos relacionados



Compartir: