CULTURA

"Habana Factory", a última exposición da Chocolataría, recollida nun catálogo

09/01/2007 A Chocolataría pechou as súas portas o 31 de decembro, coa exposición "Habana Factory". Agora esta mostra queda recollida nun catálogo, que amosa as sete propostas presentadas en Santiago e elaboradas na súa maior parte no propio espazo da antiga fábrica.

"Habana Factory" converteu á Chocolatería nun lugar de produción artística, ao que se adaptaron os artistas chegados dende Cuba para elaborar as súas obras. Sandra Ramos, Lázaro Saavedra, Luis Gómez, Fernando Rodríguez, Los Carpinteros, Carlos Garaicoa e Aimeé García amosaron en Compostela formas moi diversas de expresar as súas preocupacións artísticas, persoais e sociais, en torno á idea de La Habana como un lugar de inventiva. A exposición terán continuidade na capital cubana.

A directora da Chocolataría, Concha Fontela, aproveitou para facer balance da actividade da Chocolatería, por onde pasaron 125.000 visitantes na busca de exposicións "non convencionais, alternativas e que completaban o circuíto artístico da cidade". Manifestou a súa pena por ter que deixar este sitio e animou a "seguir reinventando a cidade". O ano da Chocolataría quedará recollido tamén nunha publicación.

Compartir: