EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Conclúen as representacións da XXIII edición do Certame de Teatro Intercentros

22/05/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu este martes no Teatro Principal á última sesión da XXIII edición do Certame de Teatro Intercentros, que se veu celebrando durante este mes de maio.

O Colexio San Jorge e o CEIP López Ferreiro foron os encargados de pechar esta edición do certame e recibiron os seus diplomas acreditativos. Na xornada do luns estiveran sobre as táboas do Teatro Principal outros dous centros de primaria: o CEIP de Roxos e CEEPR Aspanaes.

Ao longo do mes de maio tamén representaron as súas obras os grupos de sete centros escolares de secundaria: IES Eduardo Pondal, IES Rosalía de Castro, IES Antón Fraguas, IES Pontepedriña e IES Xelmírez I, todos eles de Santiago; CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Bailerón, de Dodro, e CPI dos Dices-Rois.

O Certame de Teatro Intercentros, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, segue ofrecendo a alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato de Santiago e comarca a oportunidade de amosar ao público o traballo teatral realizado ao longo do curso nos centros escolares.

Os preparativos do certame comezan ao principio do curso, no que se constitúen os grupos, se deciden as obras a interpretar, os vestiarios ou o decorado, e se ensaian as técnicas básicas da interpretación teatral. Chegado este mes de maio, todas as obras son interpretadas no Teatro Principal nunhas funcións abertas ao público.

Direccións relacionadas



Compartir: